Opinión

Os desafíos do Emirato islámico de Afganistán

O martes 7 de setembro os talibán anunciaron publicamente o novo goberno do Emirato islámico de Afganistán. Contrariamente ao anunciado durante varias semanas, o novo goberno non é inclusivo, ao non estar representadas as minorías étnicas ou relixiosas nin as mulleres, e os principais cargos do goberno serán ocupados por importantes membros da vella garda talibán.

Os talibán amosaron ser un movemento insurxente moi poderoso mais agora teñen por diante unha tarefa moi diferente e nada sinxela, gobernar un país que abre unha nova etapa da súa historia afrontando numerosos desafíos.

Afganistán, o sétimo país máis pobre do mundo, padece unha profunda crise económica. Antes da pandemia, cando menos o 54,5% da poboación vivía baixo o limiar da pobreza e algunhas estimacións apuntan a que axiña pode acadar o 72%. O ano pasado, o ex presidente Ashraf Ghani recoñecía que o 90% da poboación vivía con menos de 2 dólares ao día.

Desde hai varias semanas a economía está paralizada, cunha moeda derrubada a mínimos históricos e cunha elevada inflación (os prezos dos alimentos incrementáronse un 50% e a gasolina un 75%). Mentres centos de persoas xúntanse ás portas das poucas sucursais bancarias abertas para poder retirar as limitadas cantidades permitidas (200 dólares por semana), as previsións son que o PIB se contraia un 9,7% en 2021 e un 5,2% en 2022.

Até o 15 de agosto os recursos procedentes do exterior constituían o 43% do PIB de Afganistán, mais desde entón o FMI e o Banco Mundial cortaron o financiamento e os EEUU conxelaron activos por valor de 9.500 millóns de dólares do Banco Central de Afganistán. O novo goberno afgán precisa diñeiro e os líderes de Occidente pretenden usar a economía como un medio para presionar os talibán a que respecten as súas promesas.

Por outra banda, a ONU advirte dunha “inminente catástrofe humanitaria” nun país onde a xente cualificada fuxiu do país e onde o sistema sanitario está ao bordo do colapso.

No que vai de ano 600.000 afgáns foron desprazados dos seus fogares, sumando un total de 3,5 millóns de desprazados, e algunhas estimacións apuntan que 500.000 persoas poden fuxir do país a finais de ano.

Case a metade da poboación, 18 millóns de persoas, precisa asistencia humanitaria urxente para sobrevivir e 14 millóns padecen inseguridade alimentaria debido a anos de seca, conflito, deterioro económico e a covid-19. Mentres 10 millóns de nenos teñen necesidade desesperada de axuda humanitaria, 2 millóns sofren desnutrición, a metade deles potencialmente mortal e máis da metade dos nenos menores de 5 anos poden atoparse na mesma situación o vindeiro ano.

Noutra orde de cousas, o novo goberno afgán terá que afrontar a ameaza do Estado Islámico de Khorasan, formado por antigos militantes talibán e de Al Qaeda, reforzado por membros propios que loitaron en Siria e Iraq. Para o E.I. os talibán son demasiado comedidos na súa interpretación da sharia e no tratamento da minoría xiíta, considerados herexes polos extremistas sunnitas, e non perdoa que sentaran a negociar cos EEUU a retirada das tropas estranxeiras de Afganistán.

O experimentado liderado talibán aprendeu cousas do pasado mais o pragmatismo ao que se poden ver obrigados pode ser aproveitado polo E.I. para atraer aqueles combatentes talibán máis novos que loitaron no terreo para expulsar os infieis, moito máis intransixentes. Amais o Estado Islámico pode reforzarse con combatentes e recursos procedentes doutras partes do mundo, en particular Siria e Iraq.

En canto á Fronte de Resistencia Nacional, o movemento liderado por Amrullah Saleh, vicepresidente de Afganistán até a toma de Kabul polos talibán e que se considera o actual Presidente do país, e por Ahmad Massoud, fillo do lendario líder taxico Ahmad Shah Massoud, “o león do Panjshir”, asasinado por Al Qaeda dous días antes do 11 de setembro de 2001, todo parece indicar que tras a toma do Panjshir polos talibán non vai representar unha ameaza seria ao seu poder, nun país onde a xente está cansa de décadas de guerra.

Comentarios