Opinión

Afganistán, incerto futuro (I)

O pasado 1 de maio as tropas dos EEUU e da OTAN debían ter abandonado Afganistán, en virtude do acordo, tras 18 meses de conversas, que o expresidente Donald Trump asinara cos talibán en febreiro de 2020 en Qatar, a cambio de que o solo afgán non sexa utilizado para ameazar a seguridade dos EEUU e os seus aliados, e que os talibán sentasen a negociar co goberno afgán.

Mais a chegada de Joe Biden á Casa Branca alterou as cousas e o prazo para a retirada das tropas estranxeiras ampliouse até o 11 de setembro, coincidindo co 20 aniversario do ataque máis mortífero da historia nos EEUU, cando Al Qaeda causou a morte a 3.000 persoas en Washington e Nova York. A retirada, que máis parece unha desbandada, é practicamente total desde comezos de mes e o goberno estadounidense anunciou que a finais de agosto estará totalmente rematada.

Afganistán é hoxe un país devastado por máis de 40 anos de conflito, desde que en 1978 comezara a guerra entre o goberno comunista de Afganistán e insurxentes muxahidin, guerrilleiros islámicos, financiados e armados polos EEUU. Este conflito involucrou tamén a URSS, que acode en 1979 en auxilio do goberno afgán, onde permanece até 1989. Mais a guerra prosegue tras a retirada soviética e en 1992 os muxahidin fanse co control de Kabul, a capital afgá.

Unha vez no poder as loitas entre as diferentes faccións sucédense e o caos resultante facilita o avance dos talibán, grupo creado coa axuda de Pakistán a comezos da década dos 90, quen prometían rematar coa corrupción imperante e establecer a paz e a seguridade no país. Moitos dos seus membros estudaran en madrasas relixiosas pagadas por Arabia Saudita en Afganistán e Pakistán, a onde fuxira un gran continxente de refuxiados na década dos 80, onde reciben unha visión extremista do islam sunnita (wahabismo). Desta relación coas madrasas provén o seu nome, pois talibán é o plural de talib, que en pastún significa estudante.

O pobo afgán, canso das loitas internas e dos excesos dos muxahidin, viu en xeral con bos ollos a chegada dos talibán a Kabul en 1996, quen establecen un emirato islámico cunha interpretación estrita da sharia (lei islámica): prohiben a música, o cine e a televisión; os homes son obrigados a deixar barba e as mulleres a vestir o burka; ás nenas prohíbeselles ir á escola…, e os castigos para quen incumpría os seus ríxidos preceptos son moi severos: execucións públicas, amputacións, flaxelacións…

Por aquel entón Afganistán convertérase no refuxio de Al Qaeda e do seu líder, Osama Bin Laden. Tras o 11/9, os talibán néganse a entregar a Bin Laden e outros líderes de Al Qaeda vinculados aos ataques, o que motivou a invasión da coalición liderada polos EEUU o 7 de outubro de 2001, denominada operación “Liberdade Duradeira”.

O réxime talibán cae en decembro, mais o carácter montañoso do país facilita o refuxio e reagrupamento dos seus militantes, e moitos dos seus líderes atopan acubillo e reciben armas en Pakistán, a onde chegan a través da porosa fronteira.

Tras 20 anos de conflito non se acadou gran cousa. Afganistán é hoxe un país en ruínas, a guerra prosegue e os niveis de violencia son enormes. Malia o gran número de soldados estranxeiros e a enorme diferenza en equipamento militar (os talibán non teñen avións, helicópteros ou tanques), os talibán pouco a pouco foron estendendo a súa influencia e hoxe, máis fortes ca nunca, controlan máis da metade do territorio e teñen unha importante presenza no resto, quedando en mans do goberno pouco máis que unha constelación de capitais provinciais.

As consecuencias da guerra son enormes: 241.000 persoas morreron como resultado directo da guerra e centos de milleiros máis, a maioría civís, debido á fame e enfermidade. Entre os falecidos cóntanse 71.500 civís (47.250 en Afganistán e 24.100 en Pakistán), 84.200 rebeldes, 70.000 policías e militares afganos, 3.600 soldados da coalición, amais de innumerábeis feridos e mutilados. Só na pasada década morreron 7.800 nenos e 19.000 resultaron feridos.

Comentarios