Opinión

O golpe continúa

A situación -a entrada en prisión de Junqueras e 7 consellers- é gravísima. O Estado continúa a utilizar todos os seus resortes represivos contra Catalunya. O que estamos a viver é mesmo pior que un Estado de Excepción encuberto porque non só se están a violar direitos fundamentais das persoas -o primeiro, ter un xuízo xusto-, senón que o mesmo Estado represor viola as súas propias leis, desde a Constitución -que en ningún caso faculta o executivo para destituír un goberno 'autonómico' nen disolver unha asemblea lexislativa- até o código penal -que no que di respeito ao delito de rebelión limita o seu alcance de forma incontrovertíbel a episodios de violencia, que no caso catalán só foron protagonizados por policías e gardas civís españois.

Escrebe na súa interlocutoría a xuíza Carmen Lamela que unha declaración de independencia comporta violencia. Perdón? A manifestación dunha vontade colectiva expresada nas eleccións de setembro de 2015 -e referendada o 1-O- é violencia? Que 70 parlamentares emitan un voto nunha determinada dirección é violencia? Entón como lle chamamos á acción dos corpos e forzas de seguridade do Estado que deixaron case mil feridos en Catalunya o día do referendo? Se é violenta a libre expresión do Parlament como lle teríamos que chamar a unha Constitución de 1978 cuxos artigos fulcrais -os de "España como patria común e indivisíbel dos españois"....-foron ditados directamente polo Exército franquista?

Cando un Estado viola a súa propia legalidade para impor pola forza uns determinados fins políticos -neste caso a destrución do adversario, a súa criminalización- temos forzosamente que falar de golpe de Estado. Un golpe que perpetra o tripartito PP-PSOE-Cs e que se está a agravar por momentos, até facer o ambiente irrespirábel para calquera conciencia democrática. Isto está a acontecer, e quero subliñalo, perante a cumplicidade das autoridades da Unión Europea. Non é a primeira vez que o avanzo do fascismo no Estado español é tolerado polas potencias europeas.

Que resposta pode dar a sociedade catalá? A que deu até agora. Mobilización cívica e pacífica. Defensa da República e de todos os direitos democráticos, os individuais e os colectivos. Organización social en chave de país. Que podemos facer desde a Galiza? Socializar este discurso democrático, abafado polas toneladas de propaganda españolista/unionista que a totalidade dos meios amigos de Monte Pío -e os pretensamente menos amigos tamén- bombardean a diario. Solidarizarnos. Mobilizarnos. Saber que este ataque á democracia é tamén un ataque contra nós. E axir en consecuencia.

Comentarios