Opinión

Catalunya derrota o proxecto do medo

Os resultados son os que son e a primeira evidencia que temos perante os nosos ollos é que este 21D de 2017 máis de 2,1 millóns de persoas votaron conscientemente forzas independentistas en Catalunya. Isto constitúe por sí só unha clara derrota do Estado español e das súas terminais políticas, financeiras e mediáticas, mas ao mesmo tempo é un gozoso triunfo da democracia e dunha concepción republicana, post-burguesa, da política: aquí resistiu (e resistir ás veces é vencer) a maioría social dun pobo que soubo frear a ofensiva autoritaria dun Estado que, para facer valer o seu proxecto de dominación, non dubidou en mesmo violar a súa propia legalidade cunha aplicación despótica do artigo 155 (un preceito constitucional que en absoluto facultaba a Moncloa para disolver o Parlament, destituír Puigdemont e convocar estas eleccións).

O bloco independentista mantén a maioría absoluta no Parlament e está en condicións de voltar a formar goberno. Facelo nas condicións en que o fixo (cos seus principais líderes na cadea ou no exilio) é unha proeza política que pasará á historia e unha demostración da vontade de ser da nación catalá. Por súa parte, os partidos estatais promotores do 155, as formacións identificadas co Proxecto do Medo (meter medo -fuga de empresas, saída da Unión Europea, depauperación da economía- era todo o seu programa), apenas reuniron 57 escanos, a un océano da maioría absoluta. Certo é que Cs pode arrogarse a condición de primeira forza, mas estamos perante un triunfo tan pírrico como estéril, do que, alén do máis, pode decorrer unha feliz secuela: os loureiros da vitoria de Arrimadas se callar preanuncian o Waterloo de Mariano Rajoy. Non parece posíbel pretender a primacía da direita española cando en Catalunya (18 por cento do PIB estatal) estás por debaixo de 5 por cento do voto, o que te converte nunha forza residual.

Os loureiros da vitoria de Arrimadas se callar preanuncian o Waterloo de Mariano Rajoy

 

E que dicermos dos equidistantes? Non vale con dicer que o seu reino non é deste mundo ou que esta non era a súa liga. Erraron completamente o tiro estratéxico e eles propios tornáronse desnecesarios. Non se pode  ser equidistante ("nen 155 nen DUI" era o seu lema) entre a barbarie e a democracia. Hai que tomar partido, como fixo Albano Dante Fachín, representante dunha corrente democrática que tivo a coraxe e a lucidez de tomar partido. Entre Vichy e a Resistencia non cabía neutralidade. O eleitorado viuno claro e a factura en termos de perda de escanos para os de Domènech está á vista.

No campo do soberanismo, Junts per Catalunya soubo rendibilizar con intelixencia o capital político de Carles Puigdemont, o presidente lexítimo, mentres que ERC mantivo, en troca, unha excesiva ambigüidade -só resolvida ao final, cando xa era tarde- sobre quen era verdadeiramente o seu referente, se o preso político ou a tan solvente como carente de carisma Marta Rovira. Canto á CUP, é probábel que este 21D veña demonstrar os limites, do ponto de vista da eficiencia puramente eleitoral, dunha fórmula asemblear e horizontalista. Está ben non caer no culto á personalidade e pór a organización por riba dos cartaces unipersoais, mas no estado actual da civilización os rostos concretos continúan a xogar un rol nada desprezábel. Indo ao miolo: se voltasen candidatar Anna Gabriel probabelmente terían tido un mellor resultado.

Entre Vichy e a Resistencia non cabía neutralidade. O eleitorado viuno claro e a factura en termos de perda de escanos para os de Domènech está á vista

 

E agora? Agora a maioría absoluta independentista debe xerir con intelixencia o novo cenario -non xémeo ao xurdido das urnas en 2015- e xogar a partida coa lexitimidade que lle outorga unha convocatoria eleitoral de participación tan masiva. Non acho recomendábel un remake do feito durante os últimos dous anos, mas o fundamental é preservar os principais valores do procés, isto é, a alianza de largos sectores da sociedade catalá arredor da Democracia, a Soberanía e a República como programa.

E agora? Agora a maioría absoluta independentista debe xerir con intelixencia o novo cenario -non xémeo ao xurdido das urnas en 2015

 

Un 47 por cento do voto está ben, está moito mellor que ben cando en fronte tes un Estado con todos os poderes ao seu alcance e a complicidade de Washington, Berlín e Bruxelas. Mais un 47 por cento non é suficiente e no fondo os líderes soberanistas sábeno. A partir daí, a estratexia debe continuar a ser dar pasos cara á conquista da Soberanía, a Democracia e a República, e dalos ao mesmo tempo que se gaña máis sociedade para esa causa. Con paixón e con razón. Con seny e con rauxa.

Comentarios