Opinión

Reimundo Patiño e a 'Val de Lemos'

Reimundo Patiño Mancebo, escritor, pintor e ilustrador a quen lle foi dedicado o día da ilustración do ano 2022, mantivo unha forte relación con Manuel María e ilustrou varios proxectos deste. Bandeiras neboentas, o único libro de poemas de Patiño, que non sería publicado até 1992, levará un prólogo de Manuel María. Como curiosidade podemos lembrar que un dos domicilios de Manuel María e Saleta en Monforte, na rúa do Comercio 8, foi no que vivira de neno 'Moncho Patiño' segundo comenta o primeiro en carta a Ramón Piñeiro de agosto de 1963.

Na documentación conservada pola Casa-Museo Manuel María temos unha boa correspondencia de Reimundo Patiño desde os anos cincuenta aos primeiros setenta, enviadas desde A Coruña e desde Madrid. Nela transloce a relación amical entre Reimundo, Xohán Casal e Manuel María: a súa desesperación do traslado e a vida dos primeiros anos en Madrid ao obter un posto por oposición no Banco da Coruña, a dor pola morte prematura de Xohán Casal e opinións sobre as obras de Manuel María que este lle enviaba, do seu concepto da plástica e de probas que facía con diferentes técnicas como o gravado en madeira e en linóleo.

Val de Lemos foi a colección de poesía que creou e dirixiu Manuel María en Monforte, entre 1968 e 1974, co carimbo de Ediciós Xistral. Nela houbo que lidar contra os poucos recursos económicos, as modestas posibilidades das imprentas desa localidade e o muro infranqueábel da censura, que restrinxiu os proxectos de publicación de varias obras e poemas de, entre outros, Fiz Vergara Vilariño, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xohán Cabana.

Foi unha sinxela colección de cadernos que comezou cunha capa de cartolina, limpa de adornos, en que só figuraba, no frontal e nunha tipografía de pao seco, título, autor, datos da colección e un pequeno filete lateral centrado. A colección foi difundida por Manuel María na medida das súas posibilidades enviando exemplares a algúns correspondentes destacados como Gabriel Aresti, Salvador Espriu ou os centros galegos de América.

A petición de colaboración a Patiño coa colección de poesía data do verán de 1969, en que se comprometeu a facer un gravado en linóleo para anunciala. Tras a experiencia dos primeiros números e para potenciar o atractivo da colección, Manuel María comenta, o ano seguinte, en cartas con Celso Emilio Ferreiro e Darío Xohán Cabana a posibilidade, que ambos acollen moi favorabelmente, de dotala dunha viñeta deseñada por Reimundo Patiño que puidese servir como capa única para os seguintes volumes que se publicasen.

Nas cartas de Manuel María desde o mes de outubro xa fala do encargo do deseño para as capas: "Xa lle teño encargada a portada a Patiño", dicíalle a Celso Emilio en carta do 19 de novembro. Porén, tanto o deseño para as capas como o do cartaz publicitario toparon co horario laboral de Patiño: "Ando metido nun verdadeiro inferno no traballo. Facendo xornadas de 15 horas e máis", dicía este en carta do 17 de xullo de 1970, e cun pequeno problema de inspiración: "Non me esquecín do linóleo para 'Val de Lemos'. Máis acontece que me atopo nunha etapa de total falla de poder criador", en carta do 30 de agosto.

Mais, finalmente, chegaron as dúas colaboracións, en branco e negro, o cartaz publicitario, cun gravado dunha muller madura con pano á cabeza e unha figura característica de Patiño sobre o seu ombro dereito e unha cartela superior co nome Val de Lemos e unha liña tipográfica na base indicando Coleición de poesía galega. O cartaz foi impreso en Gráficas Númen de Vigo en 1969 a finais do verán.

O linóleo para a capa da colección retrásase até o caderno número 8, "Os cas da vida" de Lois Álvarez Pousa, feito na Imprenta Fenix de Monforte. É un deseño dividido en tres partes coa superior e inferior con trazos rectos e a central con máis movemento e trazos curvos. Un deseño moi potente e rechamante que só foi usado neste libro, volvendo nos dous seguintes a un deseño máis sinxelo e de menor calidade tipográfica posibelmente polo maior custo que representaría a impresión do linóleo.

Tanto o cartaz publicitario como as capas da Val de Lemos poden ser gozados, con outras mostras da obra de Reimundo Patiño, polos visitantes da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei.

Comentarios