Opinión

Morte en Gaza: As metástases do racismo nazi

Reproducimos dous artigos publicados por Xosé Manuel Beiras no extinto Galicia Hoxe baixo o título Morte en Gaza: As metástases do racismo nazi (I), publicado o 11 de xaneiro de 2009, e Morte en Gaza: As metástases do racismo nazi (II), publicado o 18 de xaneiro de 2009. Dúas pezas que, case 15 anos despois, continúan vixentes.

A traxedia de Gaza continúa. lmpetérrita, a barbarie nazi de arestora segue a esmagar a cidade e os cidadáns palestinos. lnconmovíbel, a soberbia sectaria do Estado sionista de lsrael prosegue a súa sórdida angueira de "limpeza étnica" e exterminio. A súa insensibilidade acada o paroxismo no desprezo de calquera valor humanitario. para ese poder criminal, os palestinos non son seres humanos, senón simple carne de canón. En paralelo coa hipocrisía das crisitanísimas potencias "oucidentais", que reeditan o baile do rigodón que outrora danzaran perante o hitlerismo asasino da ll República española, da democracia austríaca, do povo checo co pretexto da famosa "cuestión dos sudetes". Releo "Le sursis" -”A prórroga"- o segundo volume de "Les chemins de la liberté", a lúcida triloxía narrativa de Sartre. Sinto impotencia e desesperación. Tento recobrar a confianza na forza da razón, mais sen espranza. Retorno a dúas miñas reflexións de marzal do 2007. Lémbrome daquela aseveración, coido que de Gide: todo está escrito xa, mais, como ninguén le, cómpre escribilo outra vez. E decídome a reproducilas de novo en dúas entregas consecutivas. A berralas descontra a morte en Gaza. Inda que resulte inútil.

É, a miña, unha xeración marcada dende a infancia pola "solución final" -máis comunmente mentada mediante o vocábulo "holocausto". Hai tempo que considero máis congruente e inequívoco empregar a primeira fórmula: "solución final" -"Endloesung", en alemán- é unha expresión inventada polos xerifaltes nazis -nomeadamente Himmler e Goering- para referírense, eufemisticamente, aos plans do III Reich para o exterminio dos xudeus en toda Europa. Mellor dito, en rigor, para o exterminio de tódolos seres que iles consideraban "Untermenschen" -infrahomes, ou subhumáns- e que abranguían, ademais do povo xudeu, os povos eslavos e ziganos tamén. Certamente, aos verdugos nazis só lles deu tempo para aplicar masivamente ese plan de exterminio á primeira das vítimas previstas: o estarrecedor xenocidio consumouse primordialmente sobre millóns de xudeus en toda a Europa ocupada polo III Reich. Pero, de ter trunfado o imperio concibido para mil anos pola paranoia hitleriana, os eslavos terían sufrido o mesmo brutal destino -sufrírono de feito boa parte das súas elites alí por onde o Atila nazi pasou-.

En todo caso coido que, para mellor xustiza histórica, cómpre identificar ese xenocidio coa denominación carimbada precisamente polos xenocidas, e non polas súas vítimas. E digo isto porque, en troques, "holocausto" é unha palabra que, en orixe, denomina unha caste de sacrificio relixioso que, na cultura hebrea máis anterga, practicaban os israelitas, e no que a vítima era completamente consumida polo fogo.

Comprenderedes agora que sería un soturno sarcasmo aplicar a ese xenocidio un termo procedente dun bárbaro uso litúrxico dos máis antergos ancestros das vítimas da barbarie nazi. Pola contra, non resultaría incongruente denominar holocausto -nas proporcións dunha reprodución a escada reducida, claro é- ao que nos nosos días fai padecer o actual Estado de lsrael ao martirizado povo palestino no seu proprio lar. Que é o seu dende hai máis de un milenio, sen que ademais sexa il responsábel de que, con anterioridade abondo, o povo xudeu fose dispersado e condenado á diáspora.

Mais dicíavos ao comezo que a miña xeración fora marcada dende a infancia polo xenocidio -sexa "holocausto" ou "Endloesung"- perpetrado sobre os xudeus europeus polos nazis do funesto III Reich. Na miña impresionábel mente infantil ficaron gravadas imaxes terríbeis, vistas nos noticiarios da época as escasas veces que me levaban ao cine, do espanto descuberto polas tropas aliadas ao chegaren aos campos nazis de concentración e exterminio. E todo o que veu de aí en diante: medrei e cheguei á adolescencia no período dunha intensa, constante e delongada campaña de información, ilustración e denuncia -retrospeitivas, iso si- sobre o masacre padecido polo povo xudeu na Europa do apoxeo fascista e nazi. Era como un ritual de exorcismo reiterado até a obsesión, unha prática maniática de esconxuros para escorrentar as pantasmas demoníacas dunha inconfesa consciencia colectiva de culpa das democracias oucidentais -as do bautismado daquela como "mundo libre"- que permitiran, pasivas ou até cómplices, a "resistíbel ascensión" dos totalitarismos fascistas -italián, portugués, alemán e español- causantes da hecatombe xenocida.

Como resultado dese proceso colectivo, coa metodoloxía duns a xeito de profanos "exercizos espirituais" masificados, o povo xudeu, ou xenericamente os xudeus a secas, convertéronse na encarnación totémica do mito da vítima expiatoria da maldade conxénita do xénero humán, concibida en clave da tradición ideolóxica precisamente xudeocristiá, no povo mártir do noso tempo -en realidade, do que Paco Sampedro definiría hoxe como unha modalidade de "violencia excedente", mais polo entón eu andaba ben lonxe de adeprender iso-. O caso é que pronunciar ou escoitar a verba "xudeu" suscitaba en nós, os mociños do meu tempo e medio sociocultural, unha reacción automática de empatía, respeito, arrepío e pulsión solidária antremesturadas. Socialmente, pasárase do antisemitismo esplícito ou larvado ao filosemitismo acrítico, for sinceiro ou hipócrita -que iso, socialmente, tanto tiña. Fose cal for o tema, o problema ou o conflito, os xudeus tiñan, por principio, razón: a razón das vítimas imoladas e os mártires á forza.

Até que, por unha banda, un foi adequerindo información e formación máis solventes e diversificadas nas súas fontes, e máis que, por outra banda, chegaron as confrontacións arabo-israelís dos anos sesenta, co clímax da "blitzkrieg", a guerra-lóstrego da Golda Meir e máis do xeneral israelí do parche no ollo, como o do pirata pata-de-pau de Stevenson -estereotipo do malandro na nosa adolescencia-. No meu caso, foi ise o intre en que se clarificaron os termos e persoaxes da traxedia, e emerxeu na escena a figura humana do  povo palestino, nazareno excluído até daquela de presencia recoñecíbel para os meus ollos. A propria dinámica do drama conducíranos á elucidación do enguedello: unha cousa era o povo xudeu, outra distinta o sionismo, outra aínda os cidadáns israelís, e outra, en fin, o Estado de lsrael. E logo, en rancho aparte, estaba a vítima contemporán dese enguedello todo, a estritamente contemporán, digo, que non era xudea: érao o povo palestino -condeado, il desta vez, á diáspora e o holocausto-.

O povo xudeu é unha nación sen territorio nen fronteiras: o seu "espazo vital" de asentamento é o planeta enteiro. Non é preciso un territorio para constituir unha nación -e demostrado está dende Bauer a Lowy-. O povo xudeu é caso paradigmático, mais non único: o zigano é outro máis. O sionismo é unha forma aberrante de nacionalismo expansionista e, tanto no seu trasunto profundo coma no seu contexto sociohistórico, imperialista. De feito a súa orixe temporal, a fins do s. XIX, está imbricada no ponto de inflexión transicional antre dúas hexemonías planetarias, a do imperialismo británico en declive e a do imperialismo norteamericán emerxente. Un nacionalismo chovino reaccionário e quimérico -e son consciente de que a quimera é un monstro mitolóxico que suscita pavura-. O primeiro, porque pretende darlle volta atrás á história dun povo e da humanidade enteira, retornando ao século primeiro da era cristián -non hebrea-. O segundo, porque a constitución dun estado israelí en Palestina non resolve a diáspora: nin a metro cadrado por habitante daría cabida á nación xudea actualmente ciscada polo mundo adiante. De xeito que a invención do Estado de Israel non resolve nen o problema nacional nen ningún dos problemas existenciais do povo xudeo. Ora ben: élle moi útil ao imperialismo contemporán, non para resolverlle os insolúbeis problemas que acobilla, mais si para criarlles un problema tráxico aos povos do Oriente meio sometidos ao imperio ianqui. O Estado de Israel é a clave de bóveda da arquiteitura política e militar do actual lmperio nesa rexión estratexicamente crucial para os seus recursos e intereses vitais. Por iso existe e sobrevive ese estado -que económica, social e politicamente é un enxendro inviábel en condicións normais. Aínda máis: por iso foi criado -o sionismo, por si só, non o daría conquerido-. Verémolo, se queredes, a semana que vén.

***

Apreixado, como nun pantermo, pola sua propria función e razón de ser na estratexia do actual imperialismo ianqui, o Estado de Israel compórtase nas pautas dunha sorte de síndrome freudián: a traveso dil, e mália elas mesmas, as vítimas de outrora tórnanse verdugos de arestora. Ese estado ven ser unha metástase -e como tal metástase, unha metamorfose desprazada na ubicación- do racismo nazi que tentara acadar o exterminio do povo xudeu meiante a "solución final" dun problema que só o proprio nazismo enxendrara: a máis bárbara e satánica forma de "limpeza étnica" endexamáis praticada na historia moderna da humanidade. Gardadas, repito, tódalas proporcións pertinentes antre as magnitudes respeitivas do cancro nazi e a metástase israelí. Mais, ao cabo, de limpeza étnica se trata. Tentarei crarexarvos o aparente enigma.

Benny Morris é un nome clave na historiografía do proceso de fundación e consolidación do actual Estado de Israel. Hai cousa de dous decenios que a súa obra encol da xénese da diáspora, non xudea, senón dos refuxiados palestinos polo mundo adiante -"The birth of the Palestinian Refugee Problem"- suscitou un considerábel escándalo. Un dos motivos do escándalo -non o principal, naturalmente, que radicaba nos contidos e revelacións desa obra- estribaba en que Morris, lonxe de ser un apoloxista pro-palestino, era il mesmo un sionista confeso e militante. Pouco despois, recuncou con estudos sobre as guerras fronteirizas de Israel a partir do 1949. Mais, alén diso, Morris é autor dunha extensa e documentada obra sobre o conflito árabe-israelí dende os comezos do movemento sionista até o remate do século XX -"Righteous Victims: A History of the Zionist-arab Conflict, 1881-2001". Trátase, por tanto, dunha autoridade sobranceira nesa materia.

Pois ben, a New Left Review, nunha das súas entregas do ano 2004, publicou unha ampla entrevista feita a Benny Morris por Ari Shavit. Xa o título desa entrevista resulta inequívoco na sua expresión: "Encol da limpeza étnica en Palestina". Pero, a maior abondamento, os editores da NLR, na presentación que fan dese documento, informan os seus leitores de que a tal entrevista fora publicada meses antes no xornal Haaretz baixo estoutro rótulo: "Supervivencia dos máis aptos" -enunciado que, inevitabelmente, fainos evocar o darwinismo social racista e, por pasiva, o designio nazi da extinción dos "untermenschen", os infrahomes ou subhumáns. Como sinala a NLR, "Morris enuncia ao seu abraiado interlocutor -Ari Shavit- dúas verdades desagradábeis: que o proxecto sionista só puido levarse a cabo meiante unha limpeza étnica deliberada, e máis que, unha vez encetada, as únicas razóns para interrompela antes dunha total eliminación da povoación árabe de Palestina foron puramente circunstanciais e tácticas".

Nefeito, Shavit non oculta o seu pasmo na introdución á entrevista feita a Morris. "De xeito -di- que, durante os últimos dous anos, o cidadán Morris (sionista combativo) e o historiador Morris (historiador veraz) traballaron como se non houbese ningún vencello antre iles, como se un diles estivese tentando salvar o que o outro teimaba en erradicar". E non é para menos. Resulta abraiante -e estarrecedor- que alguén que corrobora -como fai Morris na entrevista- que, xa no 1948, "Ben Gurion foi persoalmente responsábel dunha política deliberada e sistemática de expulsión en masa" dos palestinos, afirme a seguida que "Ben Gurión tiña razón" e, por riba, non se inmute.

Entresácovos algunhas perguntas e respostas ilustrativas.

Shavit: Estamos a falar do asasinato de milleiros de persoas, da destrución de toda unha sociedade.

Morris: Unha sociedade que pretende matalo a un, obrígao a destruíla.

Shavit: Dá calafríos o xeito tan tranquilo en que o di.

Morris: Se espera que me desfaga en bágoas, lamento desilusionalo.

Shavit: Daquela, cando os mandos israelís non se inmutaron á vista da longa e terríbel coluna de 50.000 persoas expulsadas de Lod, xustifícaos vostede?.

Morris: Enténdoos moi ben. Non creo que tivesen problemas de conciencía, e eu tampouco os tería tido. Sen aquela acción non terían gañado a guerra e o Estado xudeu (sic) non tería nacido.

Shavit: Non os condea moralmente?

Morris: Non.

Shavit: Perpetraron unha limpeza étnica...

Morris: Hai circunstancias na historia que xustifican a limpeza étnica.

Shavit: E era esa a situación en 1948?

Morris: Así é. Era esa a que o sionismo tiña perante si. O Estado Xudeu (sic) non tería nacido sen a expulsión de 700.000 palestinos. Portanto, compría expulsalos. Non había outra opción.

Milosevic foi condeado, e está morto, por algo así -só que era xefe do Estado servio, non do israelí como Ben Gurion-. E 1948 era só o comezo. O Estado de Israel leva meio século a violar os dereitos do home (e o cidadán) proclamados na Carta das Nacións Unidas -as que pertence sen ter sido expulsado- e máis a facer caso omiso dun feixe de resolucións do consello de seguridade da mesma ONU. Como se tal cousa. Perdón, confundinme. Como se tal cousa, non: culminou a súa escalada, polo de agora, coa agresión bélica permanentemente "quente" -sen declarar a guerra, mais seica iso está de moda- e o cercamento das comunidades palestinas coa reprodución, a escada multiplicada en dimensión, do muro que caíra en Berlín ao final da guerra "fría". Por certo que, hai poucos meses, un ensaio do historiador Gadi Algazi revela que "unha alianza militarizada de empresas de software subvencionadas polo Estado israelí, de promotores inmobiliarios, e de bolsas cautivas de forza de traballo feminina xudea-ortodoxa está a forxar o perímetro do muro de separación levantado nos territorios ocupados" en Cisxordania. Non todo ía ser motivación ideolóxica e relixiosa de seguridade "nacional"!

O máis grave do enguedello é que -outravolta falan os editores da NLR- "a lóxica da posición de Morris é irrebatíbel. Se os palestinos poden ser maltratados até que se resignen a dárense por satisfeitos con menos dunha quinta parte do país, daquela por que non acabar con iles e expulsar a tódolos que aínda fican alí? O mérito da sinceridade de Morris radica en deixar claro que o "proceso de paz" en tódalas súas formas -tan múltiple como monótono, dende Oslo a Xenebra- non é outra cousa que a guerra contra os palestinos librada por outros medios". Esta paráfrase tácita do famoso aforismo de von Clausewitz, en formulación invertida ademais, resulta dunha atroz elocuencia como conclusión: a política ianqui-israelí como continuación da guerra anti-árabe por outros medios.

Hai dous anos, Virginia Tilley, investigadora en ciencias humanas en Pretoria, publicou un libro -"The One- State Solution"- no que se baseaba nos resultados dos seus exaustivos estudos sobre os conflitos raciais no caso surafricano para propugnar a fórmula dun só estado como única solución posíbel para o conflito israelo-palestino. O ano pasado, un profesor de ciencias políticas israelí arremeteu contra a tese da Tilley por considerala ilusoria, divorciada da realidade social e descoñecedora da "verdadeira natureza do sionismo". Na súa réplica, Tilley reitera como única saída política factíbel unha democracia non confesional nun único estado laico xudeu-palestino. Non podo eu abesullar sequer se esa solución é ilusoria ou podería ser viábel. Mais considero Iúcidas, e comparto, as aseveracións da Tilley que vos transcribo eiquí: "Os argumentos sionistas a prol dun Estado xudeu fan equiparacións confusas antre nacionalidade e estatalidade (moita xente adoita confundir "Estado" e "nación"). Tampouco están familiarizados coa profunda transformación experimentada polo conceito de "Estado-nación" no último meio século, desprazándose de premisas étnicas cara outras cívico-territoriais. En consecuencia, os sionistas non entenden que lsrael se ten convertido, a ese respeito, nun residuo atávico: nun anacronismo."

Entramentras, o povo palestino padece un brutal exilio interior: fragmentación, expoliación, mutilación, asedio, éxodo, humillación sistemática. E violencia. Que é recíproca, si -só que desproporcionada en magnitude e desigual en catalogación pola peneira mediática-. Cando a violencia a exerce Israel, as vítimas palestinas sóno de ataques do exército israelita. Cando a exercen os palestinos, as vítimas israelís sóno de accións terroristas. Alguén aceitaría hoxe que se alcumase de terrorismo ás accións da resistencia francesa ou dos partisanos italiáns na Francia e na Italia ocupadas polo exército do III Reich durante a II Guerra Mundial?

Mais non só os palestinos son vítimas. Tamén os cidadáns do Estado israelí, sexan simples demócratas pacifistas, críticos discrepantes ou activos disidentes da deriva xenocida sionista. Nun libro conmovedor e estremecedor, editado en Francia hai xa tres anos, medio cento diles erguen as súas voces frente aos verdugos desta traxedia. Sirvan de homenaxe a todos iles -e elas- estas palabras de Michael Warschawski no prefacio desa ágora das "voces disidentes en Israel":

"Ao deixaren de pensar, a maioría dos inteleituais israelís perderon a capacidade de distinguiren o ben do mal. Cando lle pedín que utilizase a súa autoridade moral para facer cesar os tiroteos sobre as ambulancias palestinas, un grande escritor de esquerda israelí contestoume: "Deixe de facer moralismo; a situación esixe posicións políticas, non leicións de moral." (...) (Pero) aínda existen en Israel homes e mulleres que rexeitan ouvear cos lobos. Israelís que non aceitan facer calar á súa conciencia, nen amordazar a súa capacidade crítica. lsraelís que resisten e loitan contra o racismo e o ódio, contra a resignación e o desespero. Israelís que non deixaron de crer na paz, e que seguen a loitar a prol da coexistencia dos povos".

Comentarios