Opinión

Bur(r)ocracia sanitaria

"A burocracia e a arte de converter o fácil en difícil por medio do inútil".
Carlos Castillo Peraza, escritor e periodista mexicano, 1947-2000.

As transferencias en Sanidade na Galiza veñen de lonxe, dende que existe o Estado das Autonomías. Isto significa que a Administración galega pode facer e desfacer o que queira no sistema sanitario, incluso contratar persoal (si, Rueda, -de reposto-), tanto profesionais médicos como doutro tipo, para ter unha asistencia axeitada á demanda sanitaria, tanto nos centros de saúde, como nos PAC e nos hospitais. De tanto reclamar ao Goberno central que faga o que el non fai, xa estamos fartas. Cobran por administrar o ben máis prezado que temos, a saúde. E se non o fan (ou din que a culpa é doutros), que se vaian!

Temos as consultas de AP colapsadas, evidentemente pola falta de profesionais e o aumento da demanda. E que fai a Administración do PP? Di que "vai chamar a 75.000 persoas maiores de 65 anos, que non foran ao médico nos últimos 6 meses, para que vaian". Non queres caldo, dúas cuncas!

Existe un problema moi importante, que ocupa moito tempo ás e aos profesionais médicos: a burocracia. Diferentes instancias da Administración piden "certificados" que ten que facer o médico de cabeceira: de idoneidade para a adopción de menores, de dependencia, de ingreso nun centro penal, para piscinas, para equipos de extinción de incendios, para exames de Garda Civil, para ser bombeiro, policía; para exención do colexio electoral, para exención de xurados, exención de actividades físicas, para resolver multas de tráfico, para mergullo, oposicións, permisos de armas, piloto de aviación, recoñecemento de embarque, solicitude de balneario, de cambio de colexio, de campamento de verán, de gardería, de residencia de servizos sociais. E seguro que me queda algún máis! Todo isto podería evitarse se a Consellaría de Sanidade informase as demais institucións para que non pidan certificacións inútiles...

Tamén sacaron a "brillante idea" de que "toda medicación ten que ir con receita". Antes, os paracetamois, ibuprofenos, etc. podían collerse na farmacia "sen receita". Agora, coa obrigación de levar a receita electrónica... quen ten que facela? O médico de cabeceira.

A definición do traballo na AP consiste na prevención, asistencia domiciliaria e asistencia en consulta, investigación, formación e sesións clínicas. Os conceptos que non sexan de asistencia directa está claro que non se poden realizar (con 40-50 persoas de media é difícil facer máis).

O director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, di que "el Sergas buscará cubrir la falta de pediatras a través de la reorganización de recursos", en 'román paladino': vestir un santo para espir outro. O de contratar profesionais cun salario digno e unha estabilidade non o contemplan. E ademais farán "que as enfermeiras traballen de médicas, cun curso intensivo". Impresentable!

A xerente do Sergas di: "Temos que acostumarnos a non ter pediatra en cada centro de saúde". Nós dicímoslle: se non saben ou non queren administrar correctamente o máis importante dunha persoa, que se vaian! Levamos catro conselleiros e tres xerentes do Sergas e o deterioro da AP na Galiza cada día vai a máis!

Outra ocorrencia: non se pode, dende AP, mandar directamente ao paciente ao especialista, debemos facer unha consulta telemática previa e en 3-4 dinnos que facer co paciente: lista de agarda para a lista de agarda!

E xa conseguiron o que pretenden co desmantelamento sistemático da AP: o concello de Caldas, acaba de aprobar "ante a falta de médicos na vila", pagar a asistencia das persoas do pobo... nunha clínica privada da zona. O círculo previsto polo PP péchase e a privatización do sistema público (con fondos públicos) está en marcha.

A falta de estabilidade e salarios impropios para persoas que teñen unha profesión que costou moito sacar, veñen sendo as causas fundamentais da falta de profesionais. Ante isto o PP bota balóns fóra. Non o permitamos!

Comentarios