luns 06/12/21

A tiranía dos deuses

O bispo Jacques-Bénigne Bossuet (século XVII), laudaba aos monarcas absolutos, na seguinte toada: “Os reis sodes deuses!” E Albert Camus, no seu libro: “O home rebelde”, no apartado “Os rexicidas”, di o seguinte: “O rei, nun dos seus aspectos, é o encargado por misión divina dos asuntos temporais e, por tanto da xustiza”. Claro que Camus refírese a tiranía do antigo réxime absoluto de Lois XIV, o autor da seguinte diatriba: “L’État, c’est moi”. Mais aquel xurista e membro da Comuna de París e actuante na Revolución Francesa, Georges-Jacques Danton, nun arrouto revolucionario, arengou: “Non queremos condenar ao rei, queremos matalo”. E Lois XVI pasou pola guillotina. Posiblemente foi un acto a imitación dos rexicidios, tiranicidios e deicidios que a xustiza dos deuses, ornamentada con coroa, cetro e espada, produciu cruentos asasinatos na dominada e vencida plebe.

Da a impresión que a xustiza actual, parece que ten lexitimidade tradicional de amparo a xerarcas e “xente de ben”, que precisa das antigas expresións dogmáticas na que se fundamentan concretos e considerados ditames que se aplican actualmente, de ousadas maneiras e de ridículas actitudes. A confusión do dito e do termo: “La justicia es igual para todos”, produce unha temeraria xenreira democrática, cando os feitos de usurpación e corrupción salpican a concretos persoeiros da familia real española, que contradín a solemne arenga de Juan Carlos, aquel 24 de decembro de 2011: “Afortunadamente vivimos en un Estado de Derecho y cualquier actuación censurable deberá ser juzgada y sancionada con arreglo a la ley”.  Qué lei? A que aínda conflúe na tradición dos deuses Borbóns, que certos xuíces tratan de lexitimar o seu particular dereito divino, non hai poder que o coloque en inferioridade de outros. O Borbón en fuga, co apoio de seus  acólitos, tratan de esquecer que a vontade xeral é a que determina a lexitimidade dun Estado de Dereito democrático. Concordando con Camus: “O poder xa non ten a súa orixe arbitraria, este mantense no consentimento xeral”.

Estamos asistindo a un escenario con diversos e silenciosos actores de comedia, que se resume nun relato bastante macabro, para unha sociedade cansada de tantas emerxencias corruptas, cando seus protagonistas blíndanse no pasado máis tenebroso dos cortellos de Felipe V e Fernando VII, que deixaron pegada xenética noutros Borbóns de deplorábel e esmagadora conduta. Unha suculenta comedia clásica para tempos actuais, de enigmáticas componendas que se fraguan en pazos reais e altos tribunais de xustiza. Após de tanta barulleira mediática e de múltiples millóns de euros por diversos escondites da corrupción oficializada. O maior persoeiro desta comedia, é o demérito Juan Carlos de Borbón, en súa prepotente infabilidade, faise posuidor de todas as vontades institucionais e gremiais que lle blindan sosego e comodidade, ao estilo dos persoeiros narrados en “As mil e unha noites”. Nesta disidencia clamorosa de que se faga xustiza ás falcatruadas reais, pensamos ao contrario das demandas de Danton. Non queremos matar ao rei, queremos que o cidadán Borbón teña un xuízo adecuado a seus delitos, e non amparado por un Sanedrín filisteo -din moitos-. Polo demais fico con esta certeza de Francisco de Quevedo: “Donde no hai justicia es peligroso tener razón, ya que los imbéciles son mayoría”. Esta frase, relampa vixencia medorenta neste século XXI.

A tiranía dos deuses
comentarios