Opinión

A parodia tétrica da Semana Santa

Nestes días de Semana Santa exhíbese polas rúas e nos templos católicos, o relato da crucifixión de Xesús de Nazaret, en seu estado mais tétrico nesas imaxes cargadas de dor, pranto, sangue e negación da felicidade terreal que el pregoou. Un convite ao vulgo para admirar e asumir o sufrimento; unha chamada a soportar a tortura -a imitación de Cristo- e verter sangue innecesario: ofrenda exclusivamente de tormentos con que os inquisidores e ditadores sometían a reos, cando todo estaba en función de purificar a alma. Dicía o poeta portugués, Guerra Junqueiro, que o Cristo español nacera en Tanxer. Ese Cristo africano que convidaba aos torturadores a exceder en facer sufrir ao outro, ao que negaba a fe, ao infiel. Someténdoo a torturas, no que se fomentou a grande traxedia, a imitar cinicamente a crucifixión de Cristo.  

A tradición das procesións andaluzas, tipificadas no mais horrendo barroquismo que a conquista dos Reis Católicos coroou en Granada; o Concilio de Trento que santificou toda aquela idealización fanática en defensa da fe. Aquí comezou a múltiple anatema de negar ao outro, de controlalo, exhibilo e martirizalo. Así, imperaron esas tallas procesionais de cristos escuálidos e macerados convidando ao vulgo a aceptar a dor como un don purificador. E, tamén, equivale en aceptar aos verdugos do noso corpo sen vacilación, e sentirnos culpábeis do que non fixemos.  

Aquela orde xesuítica callou pola súa forza e foi negacionista cas esencias cristiáns, no que representa a ante reforma. Establecendo obediencia a unha doutrina dogmática que se exteriorizou neste tipo de actos, presentando a ese Cristo lacerado, que veu sendo a negación do que os Evanxeos espallaron. A este respecto, Miguel de Unamuno, manifestou: “La pedagogía jesuítica es una pedagogía profundamente anticristiana”. E prosigue: “Los jesuitas, los degenerados hijos de Íñigo de Loyola, nos vienen con la cantinela esa del reino social de Jesucristo”. 

A orde social totalitaria incrementada nesa nova e propagandística iconografía de crucificados en agonía, cheos de feridas producidas por chicotes, coroa de espiños e lanzadas. Toda a perversidade concentrada nese corpo cargado de humildade severa. A aceptación desa dor estilizada nesas imaxes, para impresionar e seducir, nunca para liberar. Foi así como esa paixón que relata o Evanxeo de San Xoán, cos outros tres, transcendeu cara unha idea de terror que se manifesta nese barroquismo de Cristo  alanceado. Unha maneira de anular aqueles cristos crucificados do período románico e gótico: estáticos e pacíficos que atraían aos crentes sen violentar e que teñen unha chamada á vida e non á morte. Unha iconografía para liberar á humanidade sen forzala nin acomodala a unha suma de sufrimentos como acontece na etapa xesuítica do barroco e, tamén, dominica.  

A traxedia masoquista ten nas procesións ese delirio e orfandade, cando convida ao auto maltrato. A practicar excesos violentos por medio de chicotadas, pesadas cruces, arrastrar cadeas cos pés, etc. Todo un escenario malévolo e cargado de ferocidade, que leva aos practicantes a outro estremo de servilismo. E neste aspecto, non todo é tradición nin tampouco folclorismo. En realidade, estes actos, demandan unha renuncia á auto estima, a reflexión e á autocrítica cristiá. Non en van, miles de cristos que se penduran nos retablos e nas paredes de catedrais e igrexas están aí para que un renuncie a seu propio ego. Pero tamén indican a renuncia de que Xesús resucitou e procurou un lugar para a anima dos que cren nel, segundo a prédica de San Paulo. Encántanme eses cristos que elevan os brazos cara o ceo, indicando elevación e remisión dos humildes. Ese Cristo libre, fraterno e ascendente: liberto de malditos cravos maledicentes e tridentinos. Agrádanme eses cristos exentos de conquistas, inquisicións, tiranías e de negarse a un mesmo. Admirar a ferida aberta sen cicatrizar, desas imaxes que desfilan unha vez ao ano, piden o sangue do outro que aos confrades non escandaliza. A España tétrica e recendendo a mortalla, con sabor a cera funeraria, esa persiste e escandalízame.

Comentarios