Opinión

A lingua galega en negro

O presente ano que agora remata aportounos unha soberbia edición de máis de setecentas páxinas, que a poucos deixa indiferentes tanto aos que falamos e defendemos o noso idioma, como os que o denigran e tentan afastalo das persistentes realidades que sustentan á comunidade estábel de Galiza, obra e gracia da fala que falamos. “Porque un idioma é o corpo sensible d-unha cultura, e todo atentado â língua peculiar d-un povo representa un atentado â súa cultura peculiar” (Castelao, dixit). Non só atenta contra a súa cultura, tamén mina a súa permanencia como identidade nacional e cada un dos símbolos e atributos que sustentan a estabilidade dinámica na que Galiza toma asento para perdurar.

Unha edición emerxente que nos relata case seiscentos anos de arrepiantes opresións, desfeitas e denigracións que soportou e soporta o noso idioma fronte a unha ampla diversidade de tácticas colonialistas, tan peculiares como nocivas e capaces de fracturar a estabilidade e a normalización dun idioma de fecunda historia e fortaleza. A edición en cuestión, titulada: “O Libro Negro da Lingua Galega”, da autoría do historiador e lingüista, Carlos Callón, publicado por Edicións Xerais (2022). Con dúas edicións neste mesmo ano. Un enorme proxecto de lealdades e frustracións que explicitamente móstranos este autor, relatando abundantes  rexistros conspirativos e crónicas de patente centralizadora, como a que manifesta o cronista Zurita en 1486: “En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia”. A contundencia asimiladora posta en marcha polos aparellos estatais dos Reis Católicos que impuxeron contra as manifestacións máis sensíbeis e expresivas desa contundencia defensiva como é a lingua comunitaria dos galegos, tan individualizada fronte ás imposicións vindas do reino de Castela.

O suxestivo anais que nos presenta Carlos Callón nas setecentas sesenta e seis páxinas, contidas en “O Libro Negro da Lingua Galega”, precisan dunha reflexión profunda sobre os diversos formatos conspirativos e agresións nada vulgares conque se quixo eliminar o maior privilexio con que conta unha determinada e definida cultura como é a galega. Dunha maneira enfática e devoradora persistiron os poderes omnímodos e centralizadores das monarquías absolutas desa Castela disfrazada de España e dunha Igrexa cisneriana e tridentina que amosou un comportamento monolítico, como se mostra nas crónicas deste libro. Un poder relixioso tan contundente como agresivo e persecutor, cando nos seminarios galegos perseguíase con severo castigo aos seminaristas que falaban galego. A gran maioría deles eran galegofalantes procedentes do medio rural. Eses métodos represivos sostidos pola Igrexa aliada ao franquismo, negaban a fraternidade estimulada polo Nazareno. Así o lembran moitos seminaristas e cregos que viviron esa situación represiva. Estas infidelidades contra o idioma que nos naturaliza como galegos, contrasta coa vocación defensiva da nosa lingua por parte do Pai Sarmiento e do Crego de Fruíme, entre outros, no século XVIII.

Outro dos apartados interesantes que nos mostra Carlos Callón é a persecución, en todos os grados e funcións do ensino na ditadura franquista. Mantendo como axentes e depredadores do idioma galego, á maioría de mestres e mestras que estaban subordinados e implicados no aldraxe pedagóxico cometido contra a nosa fala. Nesa situación, o relato estrutural e defensivo do idioma galego inscríbese no contexto de loita de clases. O franquismo e seus cómplices mantiveron un perfil insidioso na publicidade represiva:    “Sea patriota: extirpe de las aulas de enseñanza a los dialectos que manchan y devoran la lengua del Imperio y de Cervantes. Todo por la Patria Unida”.

“O Libro Negro da Lingua Galega”, resúltanos imprescindíbel para recoñecernos colectivamente como parceiros dunha resistencia cuxa arma e metralla defensiva foi e sigue sendo a lingua que falamos e que continúa sendo herdo en tránsito, capaz de resolver presentes e futuros, con plenitude resistencia. Este libro de cabeceira vén a reconstruír agravios e silencios que cercaron ao noso idioma, nas administracións, nas igrexas, nas escolas e creando un estado de inferioridade para os que o falaban. Por serlles orixinal  e belixerante, na conquista de superar ditames e ilegalidades que atentan contra o noso ente nacional.      

Comentarios