Opinión

O fervor intransixente de Rouco

O fervor intransixente de Antonio María Rouco Varela, excardeal arcebispo de Madrid, non é novidade para aqueles que seguen desde hai anos o seu cometido eclesiástico. Cando Rouco foi nomeado bispo auxiliar de Compostela, con Suquía, a desaparecida revista “Triunfo” publicou un artigo dedicado ao novo prelado e apostilou que chegaría a cardeal polos apoios que tería dentro da xerarquía episcopal mais obediente á ortodoxia vaticana. Rouco foi un fiel seguidor daquela Igrexa conducida polos papas Wojtyla e Ratzinguer, rotundamente oposta a cambios progresistas que se deron en varias ocasións no Estado español. Máis os temarios conservadores que expuxo Rouco en Santiago e Madrid, encarnaban aquela tradición sectaria que cultivaron outros arcebispos desde os Fonseca para diante. Aquel áspero barroquismo doutrinario impregnou a arquidiocese compostelán de inquisidoras pauliñas que moitas delas causaron desproporcionadas  aberracións que tanta maledicencia aportaron ao Evanxeo de Xesús.

No trienio liberal (1820-1823) o arcebispo de Compostela, Rafael de Múzquiz y Aldunate, dificultou as relacións Estado-Igrexa sobre o tema laicista, converténdose no líder mais retrógrado e áspero dos bispos galegos e de moitos do Estado. Lembremos ao Conde de Toreno, dixo de Múzquiz: “Portentoso conjunto de corrupción y bajeza, procuraba con aparente fanatismo encubrir su estragada conducta, disfrazar sus vicios y acrecentar el inmenso poderío que le daban sus riquezas y elevada dignidad. Astuto y revolvedor tiró a sembrar la discordia so color de patriotismo”.

Non foi menos o seu sucesor na sede compostelán, Frei Rafael de Vélez (1824-1850) que tratou de bloquear aos liberais, sendo un dos piares en favor da sedición carlista. Xulgado e desterrado á illa de Menorca, alí estivo confinado nove anos e reposto por Isabel II en 1844. Despois da Desamortización e da perda de tantas propiedades da igrexa, os bispos españois trataron de recuperar unha parcela perdida como era o ensino e ter unha influencia mediática e proselitista nos medios escolares.

Despois de Vélez chegou a Compostela o arcebispo Miguel García Cuesta, salmantino, que fixo carreira eclesiástica ben nutrida de ortodoxia que lle inspirou o ultra-conservador bispo de Salamanca, Agustín Lorenzo Varela de Temes (natural de Sabadelle, Chantada) que permaneceu no bispado de Salamanca de 1824 a 1849, ao seu lado destacaron figuras eclesiásticas de altos valores ortodoxos e paternalistas. García Cuesta era daquela fornada de xerarcas que tiveron como condutor e amparo a Varela de Temes, que ocupou o arcebispado de Santiago, sendo considerado un conspirador contra o bienio progresista (1854-1856). García Cuesta foi un dos que redactou a bula Ineffabilis Deus de Pío IX. A Igrexa española priorizou no ensino unha serie de obxectivos reaccionarios para ser ela quen tivese a primacía e non o Estado do ensino público. Nesta postura estaba posicionado con ímpeto García Cuesta.

Coa revolución de 1868, o episcopado español inflúe en Pío IX, este comunica ao nuncio en Madrid, Bianchi: “Absténgase Vuestra Excelencia de tener relaciones oficiais con el nuevo Gobierno”. Mais a xerarquía non deixa de teimar por ter cotas de poder no ensino. O nuncio Bianchi, xunto co episcopado mais fundamentalista, dedicouse a conspirar e enviar informes a Roma dos ministros republicanos. Así opinaba do ministro galego, Manuel Becerra Bermúdez: “El señor Becerra, malísimo profesor de matemáticas, de bajos orígenes, orador callejero, pero lleno de coraje para luchar en las barricadas y director de manifestaciones populares en las calles, es el ministro de Fomento”. Realmente pódense ofrecer moitas testemuñas dun episcopado metido e enredado no seu labirinto, instigando contra os gobernos progresistas e democráticos.

En plena discusión, sobre temas de ensino, chega en 1874 o novo arcebispo de Compostela, Miguel Payá y Rico, era o momento en que se trataba de separar a Igrexa do Estado. O vocabulario dos bispos españois era: “Expulsan a Dios del Estado”. A famosa lei de Montero Ríos, sobre o matrimonio civil, foi outro dos contenciosos entre o Estado e a Igrexa, en que Payá y Rico tivo posturas que emerxían dun medievalismo eclesiástico totalitario. Ao cardeal Payá sucédelle José María Martín de Herrera, dado a escorrentar aos protestantes e a condenar o movemento obreiro e os partidos de esquerda.   

Destas antigas posturas ortodoxas do episcopado compostelán, contra os procesos progresistas, encárnase o cardeal Rouco que, tantas veces, tratou de frear a mudanza dos tempos e das ideas no seu período de arcebispo de Compostela e Madrid, e aínda inflúe nos seus epígonos de hoxe. Igrexa e gobernos de dereita, en cuestión de ensino e outras materias, deslizaron a cidadanía a optar por un Estado laico, aínda sen consolidar. A Igrexa española pagou caro os seus erros, por  intromisións indebidas en gobernos lexítimos e democráticos.

Mais dentro da Igrexa do Estado español hai outras sensibilidades ben diferentes ás de Rouco Varela e compañía,  como a do excrego e escritor, Victorino Pérez Prieto, que esclareceu algo moi interesante e punxente: “Claramente, hai moitos cristiáns moi incómodos nesta Igrexa, tan enfrontada ao goberno actual, non así fronte ao goberno anterior, que non era mais evanxélico nin mais cristián que o actual. Hai moitos cristiáns que pensan se a Igrexa se manifesta por unhas cousas (clase de relixión, matrimonio homosexual) tamén debían facelo por outras, como os dereitos dos pobres, polo non á guerra, polo Prestige e contra o sistema neoliberal que produce diariamente 75.000 mortos”.

Comentarios