Opinión

A ecoloxía do tolo de Xián

Pascual, responsábel técnico de mantemento de climatización onde eu traballaba, irrompeu no meu despacho, co seu ímpeto e enxebreza de castelán de Soria, provocou unha entusiasta conversa sobre a súa preocupación que ten polo cambio climático. Recoñezo que Pascual é un verdadeiro coñecedor do que se xoga a humanidade e por iso abría debate entre os amigos, aportando datos actualizados e ben estruturados do cambio climático que pasa por uns momentos dramáticos, sen que os estados implicados na alteración e desfeita do medio ambiente, procuren solucións drásticas para reconquistar o equilibrio do universo.

Pascual, regaloume un documental protagonizado por Al Gore, titulado: “A verdade incómoda”. Unha verdadeira xoia de investigación científica que incide na depredación en que está sumido o planeta e, tamén, na admisión de vías para proceder en avances no que depende das investigacións sobre o cambio climático. As alternativas que aportou Al Gore, con cifras comprobábeis e cun vocabulario pedagóxico e con ese estímulo tan perceptíbel de estar mais atentos a todo o que incide sobre o que está acontecendo na ruptura do equilibrio ecolóxico, que ben sendo provocado por ese animal chamado home. O desequilibrio planetario é ben evidente, desde que unha maioría de persoas alzase a súa vox clamanti.    

Lémbrome dunha escena na feira de Taboada, cando eu tiña uns sete anos e durmía no regazo da miña mai, acordoume unha barulleira de homes, con persistentes gargalladas. Pedíanlle a un home de longos bigotes e vestido de branco, estilo indiano, coñecido como o tolo de Xián, que explicara como se desgastaba o mundo. O tolo de Xián parou con enorme solemnidade, ollounos, virou a súa bicicleta, colocando as rodas cara arriba, e comezou a darlle ao pedal coa mao e a dicir que o mundo era como unha roda e para que non se paralizase había que engraxar o eixo e tentar non agredir a ningunha unidade radial. Estragar só un elemento repercutiría na totalidade da esfera ocasionando a súa inmobilidade. Os que o coñecían, comentaban que era un home intelixente antes de deixar a parroquia de Xián, pero despois de percorrer tantas Américas perdera o xuízo en trangalladas. Aquel persoeiro ficou sempre na miña memoria e despois de tantos anos decateime que o cidadán de Xián era un espléndido cordo, capaz de ilustrar a situación que se aveciñaba con simples exhibicións premonitorias do que agora acontece.

O que se ignora sobre a verdade das cousas produce gargalladas e incomodidades. As críticas que fan individuos como o chamado tolo de Xián, remítennos ás críticas que fan estamentos científicos, tan puntuais como perceptíbeis, sobre esas dimensións que está tomando a degradación do planeta, tal como observamos a súa alteración e degradación que produce o cambio climático. Os que avisaban da desfeita, hai moitos anos, estaban considerados como tolos e alucinados, mais súas matizadas posturas acreditan que a veracidade do que se dicía está acontecendo.

Por tanto: “Duro é dar couces contra o aguillón”, porque a natureza dá respostas drásticas e implacábeis contra os que atentan contra ela. Respostas contra os que intentan modificala e espremela. Cando fala en serio a natureza fai enmudecer e desaparecer a súas criaturas e o medio en que habitan. Sabido é que o ser humano rompeu certos equilibrios deste enorme globo terrestre, repercutindo na descompensación e alteración doutros parámetros que estabilizan, tomando  un ritmo descendente que repercute nese eixo e nese radio, que simbolicamente explicaba o cordo de Xián.

Sabemos que a tecnoloxía moderna, en maos da especulación e de intereses lucrativos, programada para acumular riquezas xa excedeu á explotación do home polo home, traspasando o limite do intocábel, como é a exploración dos recursos naturais. A avaricia das clases dominantes non rexeitan nen moderan seu enriquecemento. Así, a agonía do planeta está servida.