Opinión

Congonhas e o segredo do Aleijadinho

Congonhas do Campo como descuberta da nosa vocación de peregrinar ao memorial de Antonio Francisco Lisboa, o Aleijadinho (1730-1814), foi un propósito cumprido nun día de treboada tropical que descargaba sobre Belo Horizonte. Andityas e mais eu chegamos no seu auto a Congonhas, ese pobo recóndito de Minas Gerais que esconde nas súas entrañas minerais prezados que os portugueses buscaron con afán e naquel poboado construíron igrexas. A choiva converteuse de incómoda compañeira, fornecendo ao río que serpenteaba polos fondais de Congoñas, ía enteiro e bruto, lucindo arrogancia en seu cántico natural. Nun alto cume atopamos a igrexa do Senhor Bom Jesus e no seu frontal as escalinatas cos doce profetas, en pedra xabón, compostos polo Aleixadiño. Na entrada da mesma un pertinente esmoleiro baixo o pano negro do paraugas aportaba a este sobrio estilo barroco o seu encanto cadencioso. Que pobre serían estas montañas mineiras sen estes artificios do Aleijadinho? O primeiro en descubrirlle ao Brasil e ao mundo o valor intrínseco da obra deste enorme escultor brasileiro foi o naturalista francés, Austin de Saint-Hilaire (Orleáns, 1799-1853), que estudiou a flora de Minas Gerais.

Os pedestais das escalinatas fican guarnecidos por esas robustas esculturas proféticas que Oswald de Andrade as poetizou: “No anfiteatro de montanhas/ Os profetas do Aleijadinho/ Monumentalizaram paisagem/ As cúpulas brancas dos Passos/ E os cocares revirados das palmeiras/ São degraus da arte de meu país/ Onde ninguem mais subiu// Bíblia de pedra-sabão/ Banhada no ouro das minas”. Nestas esculturas hai un diálogo dinámico, xa non entre eles, mais co público que observa estático toda ese movemento que só os xestos bastan para entenrecer e ficar encantado coa innovada expresión que o Aleijadinho configurou nova orde dun barroco sen recargas.

Unha das máximas autoridades no estudio da obra do Aleijadinho foi Lourival Gomes Machado, autor do libro: “Barroco Mineiro”, no que nos introduce nunha apoteótica e singular revelación no que lle saca o velo a tanta iluminación oculta que o Aleijadinho confirmou nestes apousentos de Congoñas.

Outro dos prodixios esculturais deste autor está nesas capeliñas que guarnecen o viacrucis con enormes tallas en madeira de cada un dos protagonistas do Calvario. Estamos ante a terceira e última fase expresiva do Aleijadinho. Nada mais dinámico que ese cántico equilibrado de xestos e olladas, expresando nesa madeira o matiz máis puro do barroco brasileiro, que fala de tantos dons e misterios celebrados polo Aleijadinho. Se a escultura do Renacemento tivo en Michelangelo Buonarroti a súa altiva e insuperábel contundencia expresiva, o barroco tivo no Aleijadinho ao singular escultor que modelou un estilo propio do barroco tardío que só no Brasil se contempla. O Aleijadinho humanizou cada unha das formas expresivas creándolles un espírito renovador dun estilo que na Europa daba paso ao neoclásico.

Incumbe subliñar as circunstancias polas que pasou Antonio Francisco Lisboa que o vulgo lle deu o sobrenome de Aleijadinho, pola súa doenza de lepra, que foi roendo as súas maos até quedar sen dedos. Os seus discípulos acomodáronlle ao antebrazo uns aparellos nos que amarraban as ferramentas coas que esculpiu estas numerosas esculturas do Calvario.

Ese poeta incesante, como foi Manuel Bandeira, nunha das súas crónicas de xornal dixo do Aleijadinho: “Até os 47 anos gozou de perfeita saúde, de que abusaba, alias, sendo grandemente dado aos vinhos, ás mulheres e aos folguedos populares (...) É de crer que fose a lepra. Lepra ou humor gálico, como diz Bretas, o artista padecía freqüentemente de dores violentas, tão agudas que o levaram mais de uma vez a mutilar-se os dedos com o próprio escopro com que feria a pedra”. O roteiro do Aleijadinho é unha interesante sublimación para percorrer e recrearnos na súa particular arte sacra.

Comentarios