Opinión

Altri non!

O berro multitudinario e concentrado en Palas de Rei, contra a instalación da celulosa Altri, non deixa de ser expansivo, no sentido máis amplo da solidaria resposta contra unha instalación que ameaza o centro xeográfico de Galiza e toda a contorna da conca do río Ulla, coas consecuencias contaminantes  na amplísima ría de Arousa. A degradación do medio ambiente e das riquezas agrícolas e pesqueiras sería o quebranto dun amplo espazo, no que a pasteira de Altri representaría a aniquilación dunha economía estábel e dinámica en vías de potenciar un dos grandes sectores lácteos e pesqueiros en desenvolvemento, que actualmente é o sustento de miles de familias. O berro unánime de Altri non!, consolida desde Palas de Rei outras manifestacións en múltiples concellos de Galiza en favor da sostibilidade dos sectores de produción habitual e do pleno rexeitamento contra a nociva e aniquiladora celulosa que queren instalar na comarca da Ulloa, contra centos de familias viradas cara unha economía agro-gandeira, que vén marcando un despegue sectorial que dinamiza esa proliferación que asiste a dita comarca.

A empresa Altri admite que a celulosa emitira máis de 100.000 toneladas de CO2 anuais,  minguando toda a auga que se consume na provincia de Lugo. Seus residuos contaminantes afectarían a un amplo radio das comarcas limítrofes á de Ulloa, da Coruña, Lugo e Pontevedra. Sería a anulación fluvial dun dos grandes ríos galegos dese enorme espazo no que se concentran variadas industrias que son determinantes para o despegue de outras similares ou apéndices das actuais. Tal construción sería un dos impactos ambientais máis transcendentes e de maior incremento na eliminación do noso medio ambiental. Un proxecto devastador que planifica a empresa Altri de maos dadas coa Xunta e con todos os beneplácitos que esta administración ven salientando en favor do monopolio empresarial da factoría portuguesa.

Mais de 23.000 alegacións manifestan que a macrocelulosa non é benvida neste espazo da Ulloa, así o manifestou a cidadanía galega na concentración de moitos miles de persoas de Palas de Rei, o pasado 26 de maio, cun cálculo presencial de máis de 20.000 persoas. Evidentemente isto asusta a Altri e a seus patrocinadores como é a administración autonómica e a estatal. Nexta manifestación estaban os socialistas galegos de base, máis os grandes vultos do aparello político do PSdeGalicia-PSOE, foron os grandes  ausentes. Moitos preguntaban polo furioso Pepiño Blanco, noutros tempos proclamábase defensor dos intereses de Palas de Rei, en seu período de concelleiro deste municipio. Pese a todo, Galiza: Eppur si muove (Galileo Galilei dixit).

A macro manifestación de Palas de Rei, xunto a outras máis que están programadas, teñen unha lectura anticolonial, dado que Galiza non deixa estrar de lesivo lixo os seus campos e seus ríos. O programa colonial está ben xurdido polos que desgobernan os nosos específicos intereses. Nesa pedagoxía residual que se está aplicando contra os intereses e as materias primas que Galiza produce dunha maneira sostíbel e que a súa cidadanía ten o deber de defender e protexer. Pese a todos os atrancos que poñen nas da rodas do progreso que corresponde aos nosos insubornábeis intereses que corresponde defender. Por tanto, eses programas colonialistas, para nós, sempre serán anatema, con sonoras protestas: Altri non!    

Comentarios