Opinión

Os 9 euros de incremento fracasado do SMI e o burato da Sareb

Os poderes reais, propietarios dos grandes xornais, alporizáronse coa suba de 9 euros ao mes que a Ministra de Traballo quería para o Salario Mínimo Interprofesional de 2021. Ía ser a ruína de España!

Estes días anúnciase que “A débeda pública aumentará nuns 35.000 millóns polo banco malo” (Antonio Maqueda, El País, 16 de marzo de 2021, páx. 37).

Porén, os mass media non centran aí o seu foco. Dáse por feito que forma parte da nobre tarefa de salvar a Economía. A de quen?

Lembremos. Os embolados e enormes beneficios dalgúns levaron a construción á bancarrota. Exceso de oferta, caída de prezos e aínda así non se vendía.

Resultado: obras arruinadas, despidos, miles de compradores empantanados e de construtoras que non pagaban as hipotecas. 

As caixas de aforros, partícipes da orxía, eran incapaces de recuperar os préstamos que outorgaran cos cartos dos clientes. Ante a alarma o Estado endebedouse e insuflou millóns para evitar a quebra. Bankia chupou uns 25.000, Caixanova andou pola metade. E suma e segue.

Quen o paga? Pensemos por exemplo nas menciñas que sacaron da Seguridade Social, nos xenéricos máis baratos que tragamos dende entón, nas citoloxías, colonoscopias etc. adiadas ao dobre ou nas longas listas de espera nas cirurxías comúns.

Pero aquilo era só un soro, un torniquete urxente que custou por volta de 50.000 millóns. Porén, esas grandes millonadas semellan menos gravosas que se dicimos 9 euros para os salarios máis baixos. Son as marabillas da manipulación mediática!

A cousa non parou aí. Para salvar a banca houbo que meter o bisturí e en 2012 naceu a Sareb ou “banco malo”, da man do ministro De Guindos, do PP. A Sareb, grooso modo, mercou ás construtoras uns 80.000 pisos, terreos e predios estancados e asumiu o pago dos préstamos, xa tóxicos, que os gravaban. Aos cidadáns non ía custarnos nada. Faltaría máis!

Nestes 9 anos a Sareb foi afrontando as obrigas societarias e as crediticias que asumira saldando as mellores propiedades. Mais, cando no activo só queda o revoltallo e as vendas afrouxan, véntase imposíbel afrontar os vencementos das débedas restantes. Era cantado! Por iso agora Europa esixe ao Estado que asuma como débeda pública o burato da Sareb. Outros 35.000 millóns! 

Parello a este desastre, o paro multiplicouse, o emprego fíxose máis precario, os salarios minguaron, as nosas vivendas, adquiridas a prezo de ouro, valen a metade, as familias queimaron os aforros en axudar fillos e parados, a banca despediu 100.000 empregados e os clientes somos saqueados con cotas e comisións.

Décadas de argolas ameázannos pola débeda, mais identificamos o calote e os causantes e a mocidade é esperta como nunca. Con todo, renégase do noso, colan farelo por óleo, calzas esfarrapadas polo último da moda e seguen toureándonos con que a mellor menciña é votar os mesmos poderes que nos afogan. En algo erran as alternativas...

Comentarios