Opinión

A presenza de Castelao en Euskadi

O labor de Xosé Estévez resulta senlleiro polo seu xorne específico, o amplo labor divulgativo da cultura galega no País Vasco. Paradigmático no caso, por exemplo, do poeta Manuel María, mercé a quen este levaría a cabo diversas xeiras e andanzas naqueloutra nación.

A esta dimensión animadora cómpre acrecentarlle asemade o seu inxente exercicio de erudición. Posto en práctica, como é o caso que agora ocupa, a propósito da figura do autor do Sempre en Galiza.

Isto é así xa que o creador da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto lle ten dedicado numerosas páxinas e promovido múltiples eventos a propósito do labor literario e político do universal rianxeiro.

A obra que lle dá nome a este texto subtitúlase Un líder carismático para os vascos. A fonte fundamental para a súa elaboración foi a cabeceira Euzko Deya, de Bos Aires. Publicación do exilio que empeza a facer referencia á súa figura en xullo de 1940, cando chega á Arxentina, procedente dos EE.UU.

A súa especial transcendencia reflíctese de xeito abondoso neste estudo. Sirva como mostra a seguinte pasaxe: “Castelao converteuse para os nacionalistas vascos, residentes na Arxentina e noutros países americanos no principal representante icónico do galeguismo a tempo total, na quintaesencia simbólica de Galicia, no meirande capital humano do nacionalismo galego, nun ídolo paradigmático, nun modelo a seguir, nun intelectual completo e nunha figura de categoría universal a imitar para tódolos que loitasen pola liberación das súas respectivas patrias”.

Este volume resulta valioso tamén por achegar, en relación coa materia tratada, importantes fontes documentais, ben inéditas ou ben de escasa divulgación.
Ademais nel analízase, ano a ano, a secuencia de feitos das empresas da diáspora. Con especial fincapé na interacción de entrambas comunidades nacionais, galega e vasca. Dende a data denantes referida e ata pasada unha década do pasamento de Castelao.

Grazas ao cal esta monografía permite seguirlle a pista a outras moitas figuras deste amplo continxente de loitadores pola liberdade, pola conciencia democrática, pola fidelidade republicana e, como non, polo desenvolvemento pleno duns atributos nacionais acabados de conquerir.
Manuel de Irujo foi o político vasco co que o noso autor tivo máis vinculación. Froito da estadía de entrambos en París, en 1946, acordaron crear unha fundación ou centro de estudos políticos denominada Galeuzca.

O documento base dunha cobizosa e descoñecida entidade que non chegaría a agromar, exhumado dos arquivos do nacionalismo vasco, recóllese, ao completo nestas páxinas.

Nel séntase a andamiaxe dun arelado soño, truncado, destes protagonistas. O de analizar e profundar nas diversas manifestacións culturais das tres nacións peninsulares sen estado, ao tempo que estas se dan a coñecer, non só no espazo interior senón nunha dimensión mundial.

Comentarios