Opinión

Podemos como problema

En Marea  e Podemos  enxergan dous proxectos ben distintos, malia que si poidan colaborar en cuestións da axenda social e económica e da rexeneración democrática. Antes semellaba que podían colaborar tamén no eido do recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado, malia que agora non estea moi claro.

É verdade que Luis Villares foi elixido candisato só 50 días antes das eleccións contra un candidato de universal coñecemento. Tíñao, pois, moi difícil. Mais o certo é que En Marea non tivo oportunidade para se construír como partido ínstrumental de adscrición individual, galego e independente, antes do 26 de xuño, precisamente polo bloqueo que até entón mantiña Podemos.

A formación galega foi bombardeada a eito, quer dende Podemos Galicia, dirixida por Carmen Santos, quer dende a coalición de secretarios locais que pediron o voto para terceiras opcións. E, sobre todo, foi acosada dende a Executiva estatal de Podemos polo binomio Echenique-Bescansa, primeiro para frustrar o partido instrumental e logo para colonizar as súas candidaturas dende o máis brután entrismo. Polo de agora, o último episodio escribiuno o inefábel Monedero, pontificando  dende parámetros abertamente centralistas.

A formación galega foi bombardeada a eito, quer dende Podemos Galicia, dirixida por Carmen Santos, quer dende a coalición de secretarios locais que pediron o voto para terceiras opcións

En Marea acadou un resultado electoral aceptábel, malia que ben por baixo das súas expectativas, con ese segundo posto en votos. Ten agora, baixo a dirección de Villares, unha oportunidade para se consolidar como principal referente da oposición, á vista da crise sistémica do PSOE. Para iso cómpre que Luis Villares e a directiva mareante desenvolvan un programa parlamentario e social moi intenso e en clave moi plural, combinando os imprescindíbeis elementos rupturistas no eido da calidade e rexeneración democrática co posibilismo transformador que lle permita achegarse ás capas sociais que seguen instaladas na abstención ou no voto ao PP. Non son xa tempos de asaltar os ceos e Podemos habería de se repregar ao territorio que lle é propio.

Unha Marea así dexergada sería arestora o espazo natural do galeguismo socialdemócrata de Compromiso

Unha Marea así dexergada sería arestora o espazo natural do galeguismo socialdemócrata de Compromiso, que baixou de 15.500 votos no 2012 a pouco máis de 4.000 agora. Afogado pola falla de medios e de altofalantes semella que a calidade dos seus cadros e o rumo que podería adoptar En Marea favorecería esta integración.

Comentarios