Opinión

O fracaso de Feijóo

Escribo na mañá deste derradeiro domingo de setembro no que o PP organiza un acto de masas en Madrid preventivo contra unha candidatura á presidencia do Goberno do Estado que non existe aínda e contra unha proposición de lei de amnistía que tampouco naceu á vida política nin mesmo ten sido concordada por unha maioría parlamentaria.

Un acto  que de seguro vai xuntar milleiros de persoas, mais en calquera caso un número moi inferior aos actos de avenidas ateigadas que organizou o PP de Rajoy contra o novo Estatut de Catalunya (2006) e contra as leis do aborto e do matrimonio homosexual propostas por ZP no tempo dos seus mandatos (2004-2011).  E, dende logo, aos millóns de persoas que, votando as candidaturas das esquerdas estatais e dos soberanismos galego, catalán e vasco, rexeitaron nidiamente o 23-X a opción bipartita PP-Vox e a súa enxurrada de propostas reaccionarias.

O chocante desta situación é que o líder do PP estatal que convoca o acto vai presentar este martes 26 a súa candidatura á investidura. Que alugue autobuses para xuntar en Madrid aos seus convencidos no canto de tentar acadar os apoios parlamentarios precisos non fai máis que amosar o seu fracaso. Porque no mes decorrido dende que o Xefe do Estado, a medio dunha moi cuestionábel decisión, propuxo a súa candidatura non acadou un só voto máis dos que tiña.

Feijóo só pode agardar un milagre a xeito de votación transfuguista ou a repetición electoral. Se sae investido Sánchez a súa remoción ha ser cousa de semanas ou, como moito,  duns poucos meses.

En realidade o exótico acto de hoxe xa amosa esta probábel interinidade, porque a súa convocatoria non lle pertence, senón que lle foi imposta por Aznar e Díaz Ayuso. A liña máis extremista do PP desenvolve xa unha estratexia de impugnación institucional, coa inestimábel colaboración de Felipe González e Alfonso Guerra. Os seus obxectivos por orde cronolóxica son i- presionar un tamayazo transfuguista, ii- evitar coa presión da rúa e dos despachos do deep state que o Xefe do Estado  nomee candidato a Sánchez para repetir eleccións o vindeiro xaneiro e, de non se convocar estas polo apoio parlamentario a Sánchez, iii- considerar ilexítimo a ese Goberno dende o minuto un.

De calquera xeito a propia realidade do acto de hoxe e desa estratexia de impugnación institucional son as mellores probas do fracaso de Feijóo.

Comentarios