Opinión

O divorcio na esquerda española

Podemos quitou nas eleccións estatais deste verán cinco deputados dos trinta e un obtidos pola coalición Sumar artellada arredor da persoa de Yolanda Díaz. A súa saída do grupo parlamentario yolandista, a ruptura das relacións interpersoais entre as persoas referentes dunhas e outras e máis a gravidade das mutuas adxectivacións amosan nidiamente que o divorcio é definitivo. Nas vindeiras eleccións europeas de 2024 han comparecer en distintas candidaturas.

Podemos soubo ler a xeito o movemento do 15-M que impugnou na altura da Grande Recesión as deficiencias democráticas dun sistema constitucional alicerzado no bipartidismo dinástico PP-PSOE, coa Coroa como clave de bóveda. De primeiras  quixeron enxergar unha plataforma transversal alicerzada na rexeneración democrática e no protagonismo da cidadanía que chegou ser varios meses nas enquisas a forza que sería máis votada nas eleccións previstas para 2015. Mais moi axiña Iglesias “mando a parar”, substituíndo o pulo cidadán polo dirixismo personalista, o aparente respecto pola plurinacionalidade pola madrileñización da súa cosmovisión e a transversalidade pola simple aposta por alargar o espazo do PCE e IU. Os ceos non se tomaron nin por consenso nin por asalto e o devalo electoral foi imparábel entre os relativos éxitos de 2015 e 2016 e os cativos resultados das dúas eleccións de 2019.

Malia este devalo, Iglesias accedeu á vicepresidencia do Goberno do Estado canda Pedro Sánchez (xaneiro 2020). Porén, en marzo de 2021, Pablo Iglesias considerou rematado o seu papel no Goberno do Estado, decidiu presentarse as eleccións rexionais madrileñas e nomeou Yolanda Díaz- polo método do dedo aznariano- como sucesora na Vicepresidencia e na futura candidatura para liderar o espazo podemita-común nas seguintes estatais.

Yolanda Díaz sabe canear en curto, malia que moitas veces semelle non saber que facer co balón. Seica non estaba conforme con que Iglesias lle marcase o camiño. E, cando Díaz Ayuso xubilou Pablo Iglesias da política (maio 2021) decidiu suceder o cesarismo de Iglesias polo seu propio personalismo e abrir un delongado proceso de escoita, nomeadamente consigo mesma, máis tamén con Más Madrid,os Comúns cataláns e algúns outros sectores doentes coa executoria de Pablo Iglesias.

Pensando no noso País (que é o que nos cómpre) as dúas fraccións da esquerda española allea ao PSOE reflicten sensibilidades personalistas vencelladas a operacións de Estado, polo que semella que non son quen de achegar moito nas inmediatas eleccións nacionais galegas de 2024.  Neste senso...que opinan, unha e outra, a respecto dos dereitos dos nosos sectores produtivos no mar-industria, nas actividades agrogandeiras e no desenvolvemento rural fronte aos intereses das grandes enerxéticas?  A respecto da prevalencia do noso dereito ao autogoberno e ao benestar fronte aos supostos intereses de Estado sempre omnipresentes en Madrid? Ou da necesidade de adoptarmos as decisións colectivas, quer na Galicia, quer co consentimento da cidadanía galega?

Comentarios