Opinión

Unha amnistía precisa e constitucional

Os distintos tribunais penais operantes na Catalunya, canda a chamada “Audiencia Nacional” e o Tribunal Supremo, coñecen de procedementos en curso por feitos conectados co chamado procès que atinxen 4.000 persoas acusadas, condenadas ou investigadas. Dende o president Puigdemont a ducias de alcaldes que colaboraron ao desenvolvemento do plebiscito do 1-OU ou activistas do chamado Tsunami Demócratico que organizou as demostracións cívicas contra a sentenza do Tribunal Supremo de 2019 que condenou Junqueras, Forcadell e outros dirixentes políticos e sociais soberanistas.

Esta enxurrada de procesos penais xurdiu dunha ondada represiva exercida dende a Fiscalía e determinados Tribunais de xeito que se vulneraron (como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos rematará por decidir se non hai amnistía) normas procesuais e substrantivas esenciais, definindo unha caste de Dereito Penal do Inimigo dirixido contra un colectivo concretamente identificábel, mesmo chegando acusar de delictos como rebelión ou terrorismo a persoas que non exerceron violencia ningunha. Velaí a esixencia de Puigdemont e do seu partido (JxCat) dunha amnistía que arquive libremente todos os procesos e extinga as penas todas borrrando todos os seus efectos. Unha amnistía social e politicamente necesaria se se quere restaurar a convivencia social e democrática na Catalunya.

Hai xuristas e políticos que dende o unionismo negan a cnstitucionalidade dunha eventual  amnistía. Alicérzanse nomeadamente: i) na prohibición dos indultos xerais do artigo 62 da Constitución e ii) na competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado do seu artigo 117.3.

A prohibición constitucional dos indultos xerais non é aplicábel á amnistía. Os indultos son actos administrativos competencia di Goberno do Estado adoptados, si, con ampla discrecionalidade, mais dacordo cun procedemento regrado. Os seus efectos non acadan os antecedentes deictivos nin a responsabilidade civil derivada do delicto. Pola contra, a amnistía é um acto lexislativo competencia das Cortes Xerais do Estado que elimina todo efecto do delicto, sobresee libremente os procedementos en trámite e evita a incoación doutros novos polos delictos aministiados. A amnistía non atopa prohibición ningunha na Constitución e só require dunha lei orgânica que, tamén, habería reformar puntualmente o Código Penal para precisar que a amnistía extingue a responsabilidade criminal.

Tampouco se pode dicir que unha lei de amnistia vulnere a competencia exclusiva dos Tribunais para xulgar e executar o xulgado. O que fai a amnistía, como o Código Penal, é delimitar os feitos de trascendencia penal que poden ser axuizados, mais non interfire nos procesos xudiciais. Por outra banda, tamén os indultos afectan-regulándoa- á competencia de execución do xulgado, en canto non se poderán facer cumprir as penas impostas obxecto do indulto.

Estamos, pois, diante dunha medida lexislativa conveniente, mesmo moi precisa e nidiamente constitucional.

Comentarios