Opinión

Cando o novo vira vello. A política do espello

O poder político é simplesmente o poder organizado dunha clase para oprimir a outra

Karl Marx

Comezarei por falar do bo, porque estou certa que todo o que nos remove, dunha forma ou outra, trae consigo unha oportunidade de reflexionar e pensar onde estamos e cara a onde imos. E sobre todo como o facemos.

A irrupción do relato da nova política trouxo para a actualidade socio-política do país un terremoto imprevisto ao desordenar a aparente orde reinante. Mesmo no confronto contra o sistema as esquerdas acaban por aceitar certa orde e certas regras ás que se acomodan, bem para poder chegar a máis pobo, bem para poder facer parte do circo mediático co fin de empregalo para a causa. Sexa como for a comodidade institucional non é unha boa compañía para a esquerda política, que ten que aspirar a cuestionar constantemente ao poder político.

Reclamos como a participación horizontal, a idea das voces colectivas, a proposta de máis e mellor democracia interna son para min o mellor que trouxo o que hoxe denominamos coloquialmente “a nova política”. Certo é que existen organizacións de esquerda democráticas e participativas mas tamén é certo que ese acomodarse ao sistema institucional trae tamén certa profesionalización e elite dentro das propias organizacións que tende a deitar todo o esforzo no institucional baleirando a póla social imprescindíbel da loita política.

Mas estes reclamos apareceron envoltos nun discurso -hoxe instalado- de exaltación do novo sobre ideoloxías, metodoloxías ou análises políticas de fondo. O relato foi presentar ao home novo (porque si, a maioría do novo tamén se escribe en masculino) capaz de construír aí onde todo o anterior fracasara, capaz de dotar ao pobo de ferramentas que nunca ninguén antes fora capaz de crear. Pero non porque se presentara ante nós cunha nova análise política e o descubrimento luminoso dunha alternativa capaz de dar un salto cualitativo e cuantativo na vida política, non. O argumento central foi que o novo é mellor que o vello. Que cada unha das persoas embarcadas no novo era máis e mellor que a maioría das xa organizadas.

O novo viña a pór solución a conflitos históricos entre soberanistas e esquerda española porque era novo, porque estaba comandado por xente mellor que a que xa o intentara durante décadas. Ese grupo de amargad@s militantes que teiman en non querer resolver un conflito de intereses políticos en favor da nova fornada de dirixentes que, como as xeracións anteriores, o colocan sobre a mesa. Esa teima en non querer rendirse ao novo que non ten máis aval que selo.

Tamén viña a crear ferramentas máis democráticas e horizontais, máis útiles ao fim para o pobo precismaente por iso, porque eran novas e tiñan moita vontade de ser mellores que ás existentes. Porque eran máis ilusionantes, como todo o novo. -Para nós fica xa sempre o apelo á ilusión como mantra político da modernidade sen máis contido que a definición da propia palabra-.

A maior confusión que aportou á vida política foi o discurso da unidade. Porque a unidade se presentou como o fim último da acción política, desligada dos proxectos ideolóxicos, da práctica política e dos proxectos estratéxicos. Unha unidade que pasaba por colocar todo o vello ao servizo do novo e da nova dirixencia política, o home novo, unxido na razón que lle outorga ser o novo. E hoxe os apelos á unidade xa se dan mesmo entre proxectos antagónicos, ou entre proxectos consolidados e novos xermes que nacen. Os apelos ao baleiro dos significantes que nos impiden falar de ideoloxías, de proxectos, de propostas, de programa e de procesos. Falar tamén de en que concordamos e podemos construír xuntas e en que discrepamos e debemos construír por separado. A era dos matices no debate político virou futebol, e cada quen é siareira da súa equipa.

Mas a realidade amosou, con crudeza, ate onde se pode chegar con este relato. Cando o novo vira vello, e é algo que sempre pasa, o relato esvae e desdibuxa a proposta, amósaa núa, con todas as dúas contradiccións, imperfeccións e erros. Amósanos ante a realidade material de que a construcción política e social non é tan simple como enunciar a chegada dunha nova era, unha nova política ou unha nova ética. Devólvenos á realidade de que todas somos imperfectas, de que a solución é máis complexa e quizáis axuda a ver con máis claridade o costoso que é construír ferramentas que soporten o paso do tempo, as contradicións e que sigan sendo útiles cando o novo xa foi.

Non fai falla decir como esta hoxe o espazo da chamada “nova política”, conviría que toda a autocrítica que se lle pediu á vella (e moita facía falla) cando se proclamou a necesidade da súa desaparición, sexa hoxe canalizada a través do espello.

Comentarios