Opinión

A pandemia esquecida

Vinte e oito anos despois do pasamento de Severo Sarduy, comezo a relectura de Los pájaros de la playa. Fala a novela dunha illa lazareto na que se recluíron de xeito voluntario mozos minguantes, anciáns xa na súa debilidade. Corría o ano de 1993 e Severo estaba nas súas últimas liñas, atacado do mal da sida. 

Como moitas persoas da miña xeración vivín aquela pandemia en primeira liña de medo. Comezou nos anos oitenta e en dúas décadas levouse por diante a amigos e coñecidos, artistas e xente do común, atacados todos eles por un virus biolóxico (VIH) e por un outro virus, se cadra aínda peor, que é o da exclusión social. Eran os nosos amigos uns e boa parte dos nosos ídolos outros. Fixemos dó por todos eles aos que queriamos e admirabamos. 

Despois de catro décadas non hai vacina para esta doenza, que aínda segue entre nós espallando o medo. No inicio houbo un movemento social importante para reclamar máis cartos para investigación que axudaran a procurar unha solución do conflito. Obtívose, logo de máis dunha década de regueiros de sangue e de bágoas, un tratamento para paliar os seus efectos, facendo dependentes de por vida a aqueles que sufran a doenza e poidan pagar a conta desa dependencia. Non hai vacina pois, a diferenza da Covid, a sida transmítese por comportamentos voluntarios, que levan aparellados intercambio de fluídos (relacións sexuais sen protección e inoculación de drogas por vía venosa). 

Lendo Los pájaros de la playa, dinme de conta que se pode escribir do horror cunha certa frescura, se pode dar conta do propio sufrimento con elegancia, se pode vindicar un comportamento e un xeito de vida diferente. Dinme de conta, tamén, que xa van alá catro décadas.

Dinme de conta que son centos de miles os que viven esa dependencia cotiá e millóns os que non poden pagar a conta dos fármacos.

Dinme de conta da dupla vara de medir e da inxustiza que leva aparellada. 

Todos eles están cansos de esperar pola vacina, de aturar negacionistas e das duplas varas de medir. Eu tamén.

Comentarios