Opinión

Sobre a educación sexual

Estamos nunha época de pandemias e o coronavirus ocupa por completo as portadas, aínda que non é a única nin moito menos. Unha delas está a crecer dun xeito terrorífico como é a dos casos de violencia de xénero dentro das parellas adolescentes. Estudos de Save the Children no Estado español presentan cifras de afectadas que se moven entre o 20 e 25% das rapazas enquisadas (de entre 14 e 17 anos) dependendo da comunidade autónoma. Isto significa que, no mellor dos casos, 1 de cada 5 destas rapazas padeceu algún tipo de violencia a mans da súa parella ou exparella. 

Resulta difícil non entroncar isto cos distintos discursos xurdidos ultimamente na dereita estatal, e non só na ultradereita. Está claro que a oposición dos grupos como VOX e similares é moito máis frontal ao feminismo e a loita pola igualdade da muller. Pero non hai que esquecer outros partidos que, dun xeito máis escondido, buscan acadar unha posición similar afianzando este discurso no conxunto da sociedade. Nisto destaca o Partido Popular especialmente na figura do seu portavoz, Pablo Casado, quen, en cada unha das súas aparicións, ataca unha institución imprescindible como é a da educación sexual nas aulas asegurando que se chega á presidencia acabará con ela ou, polo menos, restrinxirá todo o que poida a súa acción.

Para entender a importancia destas aulas debemos sinalar algunhas cousas previamente. En primeiro lugar, un individuo non é en si, é dicir, non o é de xeito illado a todo o que o rodea. O ser humano é un animal social e require da interacción co seu contorno para crearse a si mesmo. Por iso non é estraño que nos comportemos de modo distinto dependendo de onde nos atopemos e quen nos acompañe. A confianza xoga un papel importante neste esquema ao igual que a posición que mantemos co resto dos interlocutores, pero máis importante son as normas subxacentes no proceso de socialización. Estas son regras para a interacción social que deben respectar os distintos participantes. Son unha lei non escrita que non está exenta de cambios e niso radica o preocupante das propostas do líder popular. A normalización dos celos, do control, do fedellar no móbil alleo están aí e só mediante unha boa aprendizaxe poden verse como o problema que son e que se debe solucionar.

Deste xeito, a escola é o lugar onde se aprenden os coñecementos básicos e non tan básicos para a vida, pero tamén para a adquisición destas regras para a socialización. Un non pode evitar recordar por que xurdían os castigos: chegar tarde, as faltas de respecto... e isto non carece de sentido. Vivimos en sociedades densamente poboadas e necesitamos ter certa orde e control tanto para con un mesmo como para cos demais. 

Así, as aulas de educación sexual xogan un papel importante no ámbito das relacións de parella. Nestas non só se fala sobre o sexo en si e as súas dinámicas e prácticas, senón tamén sobre a intimidade na parella, como establecer límites e outros temas estreitamente ligados coa problemática da violencia de xénero. Porque nelas non se desenvolve todo o necesario da cuestión, apenas unha parte, pero unha parte imprescindible, polo que resulta impensable desfacerse delas. En todo caso reflíctese a necesidade de amplialas. 

Por iso, as palabras destes líderes son puramente de índole demagóxica. Aducir que os nenos e nenas son unha “propiedade dos pais” non é máis que unha cortina de fume que pretende alimentar uns medos presentes nos mesmos, porque un neno ou nena non é unha propiedade, é un suxeito que ten que convivir con outros suxeitos dentro da sociedade. E con isto non se lle nega a súa implicación aos proxenitores na educación nin moito menos xa que os valores sobre os que se cimenta a crianza seguen a ser os transmitidos polos seus pais e nais. O que se pretende coas aulas de educación sexual é ampliar os coñecementos dos rapaces e rapazas para poder identificar situacións que lles axuden a atallar problemáticas e poder afrontalas e solucionalas. O que se pretende é dotar de ferramentas a xente nova para acadar un futuro máis igualitario onde a violencia de xénero desapareza dunha vez por todas.

Comentarios