Opinión

O triunfo da violencia

Aconmemoración esta semana dos dez anos do final das actividades armadas de ETA permitiunos valorar e entender mellor o momento no que estamos, non só en Euskadi  senón no conxunto do Estado español. Porque a reacción española foi clarísima: celebrar o triunfo da violencia de estado, da súa violencia. 

Vímolo en todo momento. Non foi só que se negaron rotundamente a condenar os  GAL ou a pedir perdón polas torturas ou os asasinatos xudiciais. Non é só que aproveitaron o paso dado por EH Bildu respecto ás vítimas para pedir insaciabelmente máis. É que chegaron a mostrarse orgullosos diso. 

Na terza feira participei nun faladoiro de Catalunya Ràdio onde se entrevistou o Lehendakari  Urkullu, Arnaldo Otegi e Ramon Jauregi. E quedei  estupefacto, e expresei claramente a miña  estupefacción, despois de oír como Jauregi se felicitaba polo éxito que supuxera o encarceramento de Otegi. Explicou que durante moitos anos el e os socialistas vascos foran partidarios da legalidade da esquerda abertzale porque consideraban que era bo que o movemento tivese unha "canle de desaugadoiro" -foi a frase que utilizou. E explicou, con toda a tranquilidade do mundo, que el estaba contra a ilegalización de Batasuna pero que agora comprende que se equivocaba. Dixo que os seus compañeiros lle insistiron en que vendo que unha parte da esquerda abertzale xa expresara o seu desacordo coa estratexia de ETA era o momento de polos contra a parede: metémosvos en prisión para que acabedes dunha vez por todas con ETA, era a estratexia. E funcionou!, dixo Jauregi polas ondas radiofónicas, alborozado, contento e feliz. E  despreocupado das profundas implicacións políticas e morais da súa declaración.

España é un estado violento, sabédelo de sobras os vascos e sabémolo xa os cataláns. É verdade que iso lles está creando problemas en Europa pero non nos enganemos sobre o que  son. Aínda hoxe. 

Comentarios