Opinión

Soberanía musical

A Universidade de Alacant acaba de publicar un libro interesantísimo de Vicent Torrent que ten por título Soberanía musical. Vicent Torrent é o líder de Al Tall e o cerebro de toda unha gran serie de iniciativas relacionadas coa recuperación da música tradicional valenciana e en xeral do conxunto dos Països Catalans.

No libro, Vicent Torrent incide no papel da música de raíz tradicional e nas implicacións que a súa recuperación e modernización tivo para os nosos países. Desde a recuperación de instrumentos que estaban a piques de desaparecer e que hoxe son populares e amplamente usados, como seria o caso da dolçaina valenciana, até a posta ao día de formatos tradicionais para poder adaptar os temas e as letras ao tempo actual, para que sexan válidos e funcionais.

Teño a impresión de que como culturas non soubemos entender de maneira suficiente o valor, diría que mesmo político, deste fenómeno tan importante que foi a música de raíz tradicional

Vicent Torrent, María e Martxelo, no seu tempo protagonizou unha inesquecíbel Galeusca de músicos, con Milladoiro e Oskorri, dous grupos tamén fundamentais dos vosos dous países. Os tres xuntos fixeron moitos concertos, explicándonos e facéndonos gozar coas músicas das nosas tres culturas. E ao longo da súa gran traxectoria Torrent foi capaz de crear auténticos mitos, cancións que xa nos quedasen para sempre, como "Tio Canya", unha reivindicación da lingua catalá que case cincuenta anos despois de ser creada, aínda hoxe canta a mocidade a pleno pulmón, os netos e netas dos primeiros que a cantaban.

A pesar de todo isto, ás veces teño a impresión de que como culturas non soubemos entender de maneira suficiente o valor, diría que mesmo político, deste fenómeno tan importante que foi a música de raíz tradicional, a súa proposta de recuperación e posta ao día. Por iso o libro de Vicent Torrent é especialmente interesante. Porque achega unha consolidación teórica, un pensamento de fondo, que é moi clarificador. Desde o mesmo título. Porqué falar de soberanía musical xa é dicir moitas cousas en apenas dúas palabras.

Comentarios