Opinión

Por que España tamén necesita a autodeterminación?

Xa hai décadas que, sistematicamente, o que votan os españois non se pode aplicar porque o impedimos os cataláns, os vascos e os galegos.

A vicepresidenta cuarta do Goberno español e número dous do PSOE, María Jesús Montero, fixo esta semana unhas declaracións moi curiosas nas que advertía da emerxencia dun "nacionalismo madrileño" de carácter radical e intransixente, que ela identifica abertamente coa xente que se manifestaba na rúa de Ferraz e en xeral con todos aqueles que, desde a dereita política, atacan o Partido Socialista Obrero Español.

Este "nacionalismo madrileño", de feito, non é máis que o coñecido nacionalismo español. Unha ideoloxía que é transversal a Madrid. Non só na dereita, senón tamén, como sabemos todos, María, na esquerda.

Pero agora ao PSOE convenlle separarse do binomio PP-Vox e, por tanto, xa lle vén ben o invento da nova etiqueta. Poñen terra en medio e así non hai que recordar que no 2017, e até hai catro días, eles mesmos camiñaban do brazo de PP, Vox e dun partido que se chamaba Ciudadanos, exercendo este mesmo nacionalismo.

Os españois teñen moi claro o goberno que queren: o do PP e Vox; pero cataláns, vascos e galegos impedímolo sistematicamente

Aclarado isto, a expresión ten un punto de interese. Como España é ao mesmo tempo un Estado –onde os de Bétera ou os de Soutomaior, por exemplo, estamos incluídos– e un país –onde non estamos–, iso da "nación madrileña" podería cumprir o seu cometido. España ou a España estrita non a queren ou a propoñen entre eles. Na transición, algúns propuxeron falar dos Países Casteláns, pero a marca non tivo sorte, seguramente porque era demasiado similar á nosa e alí en realidade non tiña sentido.

Cuestión de nomes á parte, esta reformulación que se nos propón agora sería interesante, porque podería axudar a aclarar un debate substancial que vai abrindo camiño moi lentamente. O debate sobre se os españois teñen o dereito de gobernar o seu país ou se deben vivir permanentemente condicionados e contraditos polo que queremos os cataláns, os galegos e os vascos.

Supoño que che pode soar raro a frase, pero espero que non tanto cando o explique. De maneira sistemática, desde hai décadas, os españois teñen un problema grave: que moi a miúdo eles votan unha cousa e os cataláns e os vascos principalmente, pero tamén os galegos, cos nosos votos, impedimos que o que os españois votaron sexa realidade.

En relación con isto, as eleccións do 23-X son clarísimas. En España, o PP-Vox obtivo 124 deputados e o PSOE-Sumar, 91. E como é que non é presidente Feixoo? Pois, basicamente, porque os Països Catalans e Euskal Herria alteran o panorama. Nos Països Catalans, PP e Vox obteñen 30 deputados fronte aos 65 dos outros partidos. E en Euskal Herria, PP e UPN suman 4 tristes escanos e os outros, 19. Vox, nin un. A extrema dereita tampouco saca ningún deputado en Galiza, onde a dereita só pode conseguir tres escanos máis, ben lonxe da media española. En España, PP e Vox avantaxan aos outros en 33 escanos. Pero nos Països Catalans, Galiza e Euskal Herria, os outros avantaxan ao PP e Vox en 47.

E isto ten só unha lectura política posíbel: os españois teñen moi claro o que queren, saben ben o que queren, votan o goberno que eles queren ter: o do PP e Vox. Pero os cataláns, os vascos e os galegos impedímolo sistematicamente. Non teñen o dereito de decidir sos. Polo tanto, tamén eles necesitan a autodeterminación. Ser sen nós.



 

Comentarios