Opinión

Pablo Milanés

Cando es novo, ás veces atopas nun verso unha xustificación do que quererías que fose a túa vida. Os nosos países tiveron os tres a sorte de ter grandes poetas e músicos que contribuíron a facernos crecer persoalmente e de maneira colectiva.

Pero hai música máis aló. E eu atopei os versos que me gustaría que definisen a miña propia vida alén do Atlántico, nunha canción de Pablo Milanés, o cantante que esta mesma semana nos deixou, despois dun longo combate contra o cáncer.

Hai unha canción de Pablo Milanés que para a min é un punto e aparte, esa que querería que definise a miña vida: "A vida non vale nada"

Pablo Milanés e Silvio Rodríguez foron dous nomes emblemáticos, insignes, da Nova Troba Cubana, o emblema dunha Cuba que nos nosos anos setenta era revolucionaria pero non gris, tan gris como o bloque soviético, a imaxe dun país cheo de cor que nos enviaba da man destes dous músicos beleza e unha forma de dicir as cousas máis graves e transcendentais dunha maneira suave e contundente á vez.

Para ser honrado teño que confesar que eu entón fun, e funo despois toda a miña vida, máis de Silvio Rodríguez que de Pablo Milanés. Gústanme as cousas canto máis complexas mellor, e tanto na dificultade da música como na profundidade das letras, Silvio era, é, máis sofisticado, máis provocador, máis rico que Pablo. Ou esa é, polo menos, a miña opinión.

Pero, dito iso, hai unha canción de Pablo Milanés que para a min é un punto e aparte, esa que querería que definise a miña vida: "A vida non vale nada". Porque creo que é moi difícil explicar mellor e dunha maneira máis bonita as razóns polas que algúns pensamos que hai unhas poucas cousas, poucas pero moi substanciais, que estean mesmo por encima das nosas peripecias persoais e que nos forzan a vivir pensando sempre no colectivo por encima do persoal.

É o que entendín cando lla escoite cantar por primeira vez e sígoo pensado hoxe. Que a vida non vale nada se teño que pospor outro minuto de ser só para morrer nunha cama.

Comentarios