Opinión

Guerracivilismo en Madrid

Non recordo, María e Martxelo, a quen escoitei por primeira vez falar de "guerracivilismo", usar esta palabra para referirse á maneira tan violenta de enfrontarse os uns cos outros que teñen en Madrid. A maneira tan violenta de enfrontarse, quero dicir, que teñen os políticos que traballan en Madrid.

Non recordo a quen llo escoitei dicir primeiro pero si que lembro que o termo me pareceu moi acertado desde o primeiro momento. Porque, efectivamente, cando os ves actuar como os vimos esta semana hai veces en que parece que esteamos diante daquilo que tantas veces lemos nas crónicas xornalísticas do parlamento da II República española, a que acabou afogada en sangue pola insurrección franquista.

Evidentemente, iso xa o sei, o que pasou entre 1936 e 1939 non foi ningunha guerra, e menos aínda unha guerra civil. Aquilo foi un golpe de estado en toda regra. Pero aínda así "guerracivilismo" debuxa ben o ambiente previo á insurrección e de que maneira se creou o caldo de cultivo que serviría máis tarde para xustificar o réxime criminal de Franco.

Esta semana no parlamento español vivíronse diversos incidentes que puxeron de moda, unha vez máis, a palabra en cuestión. E é curioso comprobar ata que punto os temas, especialmente os que sacan a colación a extrema dereita e a dereita extrema, de súpeto, se parecen aos de hai un século. Que se comunistas, que se feministas -nos anos trinta non se usaba este concepto aínda pero xa pasaban as cousas que pasan agora- e moito compoñente antivasco e anticatalán polo medio. A pantasma da España rota segue dando dividendos hoxe.

E esta continuidade podémola interpretar como o seu gran fracaso. Despois da vitoria de Felipe González España embarcouse na manobra de vender unha nova imaxe que borrase o seu pasado tan escuro. Pero aí os tedes de novo, queridos compañeiros: lucindo guerracivilismo.

Comentarios