Opinión

Filibusteirismo

As próximas segunda e terza feira está previsto que a comisión investigadora do Parlamento Europeo sobre o uso de ‘Pegasus’ viaxe a España. Na súa axenda está previsto reunirse, en Madrid, coa comisión homoxénea do Parlamento catalán e debería reunirse tamén coas máximas autoridades españolas, desde o presidente do Goberno a diversas comisións das Cortes ou o CNI. 

Iso en teoría, porque na práctica a realidade é que ninguén sabe aínda nin sequera se se reunirán con alguén. A segunda feira é festivo en Madrid, nin idea de por que pero é festivo. E a terza é o día en que o Parlamento español realizará a esperpéntica moción de censura solicitada por Vox e executada polo vello comunista Tamames. 

Que a comisión investigadora do Parlamento Europeo tiña previsto visitar Madrid na terza feira sábese desde antes de que o Congreso decidise pór a moción de censura —mira que casualidade!— o mesmo día. 

Membros da comisión investigadora explicaron que nunca viran un desprezo tal

É moi difícil, por non dicir que é imposíbel, non decatarse de que se fixo á mantenta todo. O Parlamento español e as autoridades do país co cal as nosas tres nacións comparten fronteira non teñen ningunha vontade de colaborar na investigación do Catalangate, así que a presidenta Batet pon a moción de censura o día que veñen os europeos e dilles que todo o mundo ten moito traballo ese día, que mira que é mala sorte e que por que non van tomar unha 'relaxing cup’of café con leche' na praza Maior.

Os partidos cataláns e as asociacións civís puxeron o berro no ceo. O filibusteirismo español supera con fartura os límites do imaxinábel. Primeiro intentaron impedir a visita en Bruxelas, manipulando a comisión. E como non puideron impedila o que se propoñen agora é facer inviábel a mesma. Non os reciben, non din nada, non contestan, no axudan a aclarar o máis grande caso de espionaxe con ‘Pegasus’ que tivo lugar en Europa.

Algúns membros da comisión investigadora europea queixáronse amargamente e explicaron que nunca viran un desprezo tal cara a unha comisión parlamentaria. Os españois pensan que desta maneira non lles perseguirá a culpabilidade e conseguirán escorrer o vulto. Equivócanse. Algunhas cousas serán máis difíciles de aclarar, é verdade, pero se retratan ante os seus colegas europeos. Os de dereitas e os de esquerdas, españois todos...

Comentarios