Opinión

Cidade escenario

Estes días de festa Barcelona vive angustiada polo turismo. Din que no verán será unha cousa imposíbel e que teremos que fuxir todos ante a avalancha de turistas que se achega. O turismo, evidentemente, é unha fonte de ingresos –xa non me atrevo a dicir de riqueza– pero as consecuencias dun abuso do mesmo son graves.

Non sei se en Pamplona, Donosti ou Santiago notades o fenómeno, María e Martxelo. Pero aquí en Barcelona, e empeza a pasar en València tamén, cada vez hai máis turistas que se comportan desta maneira que se deu en chamar 'cidade escenario', onde a cidade é "o meu escenario" e podo facer o que queira para que "a miña imaxe" quede ben. 

Cada vez hai máis turistas que se comportan da maneira 'cidade escenario', onde podo facer o que queira para que "a miña imaxe" quede ben

Estes días hai un barullo especial cos chamados "búnkers del Carmel", no Turó de la Rovira. Esta é unha zona de Barcelona até hai pouco descoñecida para a maioría dos turistas. Unhas antigas instalacións antiaéreas da guerra que están situadas nun dos outeiros da cidade. A través da redes sociais de guiris (xa me permitiredes a expresión) empezou a circular que as tardiñas e as noites eran impresionantes polas vistas e o resultado foi unha avalancha de xente invadindo un espazo e un barrio da cidade que non está preparado para recibilos. A xente sobe até alí colapsando as rúas e comportándose dunha maneira que á min –debe ser que me fago vello– me custa crer. Esta semana fixemos unha gran reportaxe fotográfica e unha crónica en VilaWeb e os veciños explicábannos cousas surrealistas como que hai xente que chama ás casas ás tantas da madrugada pedindo se pode quentar un pouco de auga ou se teñen algo de tabaco.

Evidentemente os veciños están que rabian. Non só por iso. A sucidade aumentou de maneira exponencial, nas tendas do barrio hai produtos, como o pan, que desaparecen no momento que empeza a avalancha e a música das festas improvisada hai días que non acaba até que volve saír o sol. 
Cando empezou a pandemia moita xente prognosticou que o noso mundo ía cambiar a mellor. Prognosticouse por exemplo un cambio nos hábitos turísticos e que cesaría a masificación. Pero está a pasar o contrario. Os datos que temos sobre a chegada de turistas este verán significarán, se se cumpren, un récord absoluto, algo nunca visto antes. E que faremos, ante iso, os que vivimos e traballamos nunha cidade-escenario?

Comentarios