Opinión

Camiños de carro

O Goberno español non logrou vencer a desconfianza dos outros estados europeos para facer do catalán, o euskera e o galego linguas oficiais da Unión Europea. E agora esta posibilidade afástase, como mínimo, uns cuantos meses, segundo recoñece xa o ministro Albares. Para a posíbel investidura de Sánchez non vai chegar.

Hai unha dúbida, María, unha cuestión sobre a que podemos discutir, que é se España o cre de verdade e se fai o suficiente para logralo ou non. 

En 2013, o entón primeiro ministro letón, Vladis Dombrovskis, mostrouse abertamente a favor da independencia de Catalunya, e o Goberno lituano tamén se referiu con simpatía a esta posibilidade. España reaccionou furiosa, activou todas as presións imaxinábeis e acabou comprando a vontade dos bálticos enviando avións españois a defender o seu territorio das provocacións rusas, avións que aínda están alí e que lle custan moitos cartos aos contribuíntes españois. Nese momento, o Estado español puxo toda a carne que tiña e máis no asador. E, se o comparamos, a verdade é que non parece que estea a facer o mesmo agora. Nin sequera está aproveitando a presidencia rotatoria que lle corresponde até decembro.

Sexa como sexa, é verdade que existe tamén unha desconfianza de carácter interno que, ata certo punto, pódese considerar lóxica. Letonia ten moitos problemas coa minoría rusófona, o que explica –non xustifica, pero explica– a posición abruptamente en contra do Goberno de Riga. Entre paréntese: tamén é verdade que a posición do ministro desatou unha onda de críticas en Letonia, de partidos e cidadáns que non poden entender a posición e que lembran que eles mesmos, en 1991, estaban na posición que está agora Catalunya e agradecían os apoios exteriores que agora negan. En calquera caso, máis aló das características locais, é evidente que o episodio pon de manifesto as enormes dificultades de ir por camiños de carro cando os demais van por autoestradas.

As circunstancias políticas e a aritmética electoral devolveunos aos cataláns á situación anterior a 2014, na busca de pequenos parches que aborden aspectos parciais

Para entendernos, se Andorra se incorporase algunha vez á Unión Europea, a oficialidade do catalán será unha realidade automática. Non será necesario invocar os dez millóns de falantes en catro estados europeos diferentes porque bastarán os 80.000 de Andorra, que transita pola autoestrada por ser un estado, en lugar de ir polo camiño de carro por onde o resto imos aos tombos.

Cousa que remarca que só a independencia é a única garantía da normalidade. Da normalidade de todas as cousas que pode facer un país. Só a independencia é a garantía da oficialidade da lingua, da participación no mundial de rugby ou no festival de Eurovisión, da inclusión nos programas Erasmus ou da participación na Axencia Espacial Europea. De calquera cousa e de todo. Coa independencia, da noite para a mañá todo é normal. Sen independencia, todo son camiños de carro e dificultades sen conto para conseguir as cousas máis elementais.

As circunstancias políticas e a aritmética electoral devolveunos aos cataláns á situación anterior a 2014, na busca de pequenos pasos, de parches, que aborden aspectos parciais. É evidente que a situación non é a mesma e que agora hai un horizonte abertamente diferente. Mesmo se pode entender e é razoábel pensar que as cousas que se fan hoxe, todo o que se fai, está nun contexto de presión pola independencia que antes non existía. Pero en semanas como esta que acabamos de pasar, a verdade é que custa ver a diferenza.

Comentarios