Opinión

Aragonès enfróntase á ANC e perde o pulso

Este ano fai dez da primeira gran manifestación pola independencia, a que abriu a fase actual do proceso. E dez anos despois, superada a pandemia, a rúa volveu ser a protagonista da Diada. E de que maneira. Este once de setembro centos de miles de persoas tomaron de novo as rúas de Barcelona. Vós os dous, Martxelo e María, fostes testemuños, así que aforro as explicacións. Até os que rebaixan ao máximo as cifras recoñecen que foi unha manifestación enorme e moi superior á do ano pasado. O detalle político substancial, con todo, é que o presidente Aragonès situárase contra a mesma e Esquerra Republicana, sen chegar a dicilo nunca abertamente do todo, chamara a non asistir. E iso, evidentemente, provocou unha marusía política.

Non entendo porqué o presidente Aragonés quixo enfrontarse á ANC. A manifestación non ía ser necesariamente contra o goberno pero a actitude do president fixo que moitísima xente decidise sumarse e converteuna de feito nun pulso aberto, pulso que sen dúbida gañou a Assemblea Nacional.

A ANC propón un plan para aplicar a independencia proclamada en 2017 que inclúe un compromiso dos tres partidos políticos independentistas

Que gañou e que aproveitou ben. Porqué pasadas 48 horas de desconcerto, o president pediu unha reunión coa ANC e esta respondeulle cun plan sobre a mesa para facer efectiva a independencia dentro dun ano. A ANC propón un plan para aplicar a independencia proclamada en 2017 que inclúe un compromiso concreto e claro este mesmo mes por parte dos tres partidos políticos independentistas. Compromiso que se non se dá levará a Assemblea a encabezar unha campaña para facer dimitir o goberno de ERC e Junts e a proposta de creación dunha lista cívica independentista para as eleccións subseguintes.

Veremos como avanza todo isto pero unha cuestión xa é moi clara: o éxito da manifestación liquidou o intento de durmir o proceso de independencia. A rúa dixo basta e isto en Catalunya adoita ter consecuencias.

Comentarios