Opinión

Agora si, agora non

OGoberno de Pedro Sánchez sorprendeu a propios e estraños o mes de setembro pasado cando de súpeto pediu ao Parlamento europeo que se puidese facer uso da lingua catalá nos plenarios da institución. Eran uns días en que necesitaba facer xestos cara a Catalunya e a verdade é que a maioría o interpretamos así, como unha pura escenificación que nunca chegaría a realizarse. 

Non podiamos imaxinar, con todo, até que extremo non ían ruborizarse no máis mínimo poucas semanas despois cando dixesen “onde dixen diego digo digo”. Porque se en setembro facían esta petición a Bruxelas, enviando unha carta formal do Goberno español, esta semana resulta que os socialistas se aliaron ao PP e a Vox para impedir a súa tramitación desde Madrid. 

A trampa é vella e coñecida. Europa non decide cales linguas son oficiais senón que recoñece o que lle din os Estados, cada Estado. Pódelles molestar máis ou menos ou complicar máis ou menos a vida pero nunca as institucións europeas se atreveron a contradicir un Estado membro en tema de linguas. Este mesmo ano, por exemplo, o gaélico irlandés pasou a ser lingua oficial da Unión Europea para todos os efectos, porque así o pediu Irlanda, despois de moitos anos, por certo, de non reivindicalo.

De maneira que o importante non é pedilo a Bruxelas senón pedilo desde Madrid. E aquí é onde se esconde o cinismo do Goberno español. Van a Bruxelas dicindo que queren que se fale catalán, euskera e galego pero despois en Madrid votan en contra de que o Estado o pida de maneira oficial e impiden así que se poida facer o que eles fan ver que piden. 

A historia vén de lonxe. O 15 de abril de 2004 no seu discurso de investidura José Luis Rodríguez Zapatero comprometeuse a presentar á Unión Europea a oficialidade das nosas tres linguas. Diso hai 18 anos e nunca máis se soubo. Até que Sánchez recuperou a promesa para incumprila só un mes despois.

Comentarios