Opinión

Os tempos no deporte

Estamos en Setembro, Domingo 18, na localidade pontevedresa de Mos, pavillón Oscar Pereiro, fora calor abafante e máis aínda no interior do pavillón, a Federación Galega de Patinaxe escolleu esta data para celebrar a II Fase Categoría Rexional de patinaxe artística, e alí sentado na bancada do pavillón de Mos pregúntome sobre a idoneidade de celebrar dito campionato en tal data.

Según me comenta algunha adestradora parece ser que se deron de baixa moitas das patinadoras que estaban anotadas para competir durante a fin de semana, incluso chegan rumores de que a Federación Galega de Patinaxe quere tomar algún tipo de medidas para que esto non volva a acontecer, tamén me comentan que as puntuacións acadadas polas patinadoras son máis baixas do agardardado.

A patinaxe artística é un deporte coreográfico onde cada patinadora cincela os seus xestos para intentar achegarse á pirueta, ao salto, á figura perfecta, é un deporte moi esixente no persoal, que requiere dunha alta capacidade de concentración e de constancia, de traballo repetitivo e moitas veces frustrante pola falta de percepción dunha mellora.

Se temos en conta que apenas pasaron 2 semanas dende a fin do mes de Agosto, período de vacacións para moitas familias, que en dito mes moitos Concellos non teñen abertas as concesións de instalacións deportivas e polo tanto moitos clubes non poden adestrar aínda que quixeran, o que nos leva a que algunha ou algunhas patinadoras poderían levar máis de 2 meses sen adestramentos ou sinxelamente sen calzar uns patíns, entón non me resulta extrano que poida pasar o que pasou nesta segunda fase da Categoría Rexional, tanto no referente ás baixas das patinadoras xa inscritas, como en relación ao rendemento deportivo en pista.

A decisión de asignar esta data para a celebración da II Fase Categoría Rexional de patinaxe artística non parece a máis acertada, as deportistas precisan dunha preparación axeitada antes de competir, máis aínda despois dun parón tan prolongado, é necesaria unha volta á rutina, a toma de contacto ca actividade, unha certa preparación física (non tanto en Benxamín e Alevín), volver a reencontrarse cas sensacións dos patíns, redibuxar na cabeza a coreografía e por suposto fortalecer unha autoconfianza vital para este deporte onde elas mesmas moitas veces non se perdoan o máis mínimo erro, e con apenas 2 semanas de adestramento, nalgúns casos, todo esto é imposible de acadar.

E no fondo desta reflexión está a necesidade de formar ás deportistas nos procesos máis que enfocarse nos resultados, que estos chegan cando se respectan os tempos (e según as capacidades de cada quen), cando se establecen as rutinas, cando se enfocan no traballo diario con obxectivos ben definidos, alcanzables e motivantes, porque detrás desta forma de traballar vai vir unha máis forte adhesión ao deporte, polo que a programación das competicións da Federación Galega de Patinaxe debería estar enfocada a facilitar ese traballo formativo por parte dos clubes.

Estaría ben que a Federación Galega de Patinaxe reflexionara antes de asignar data algunha as distintas competicións e máis aínda cando ata finais de ano, e faltan todavía 3 meses, estas patinadoras que participaron na II Fase Categoría Rexional de patinaxe artística non teñen competición algunha, por iso eu pregúntome, a que veu tanta presa?  

Comentarios