Opinión

Somos educadores

Cando te pos ao frente dun grupo de rapaces e rapazas que queren xogar ao fútbol

Cando te pos ao frente dun grupo de rapaces e rapazas que queren xogar ao fútbol (ou a calquer outro deporte), antes que adestrador es educador.

Ás veces o máis difícil é xestionar os propios anceios de tratar de emular os adestradores de éxito que cada día vemos na tv, pero temos que ser conscientes que os protagonistas non somos nós como adestradores, os protagonistas son eles, os nenos e nenas.

No momento en que nos facemos cargo dun equipo de nenos e nenas pasamos a ser a súa figura de referencia, a persoa que máis sabe do mundo de fútbol, aquela persoa que lles facilita practicar a actividade que máis lles gusta e de facer o que máis queren facer...meter goles como Messi.

Pero incluso antes de comezar a xogar ao fútbol é tan importante sentarse no chan, en roda, e falar, preocuparte polas cousas importantes da vida

Como formadores debemos aproveitar esa ilusión para comezar a sementar valores que nun futuro lles sexan ferramentas útiles no desenvolvimento da vida...aprender a xestionar os fracasos e as victorias, aprender a respectar o rival contra o que compites, a saber valorar o esforzo do teu compañeiro e o teu propio, a aprender a desenvolverte nun terreo de xogo cunhas regras determinadas...o que ao fin e ao cabo é a vida mesma.

E como facemos isto?

Primeiro, desviar o foco da nosa atención da portería contraria cara ao noso equipo, e máis específicamente cara cada un dos nosos xogadores e xogadoras, detectar o nivel de cada neno e nena, o seu nivel de desenvolvimento psicomotor e parello o seu nivel futbolístico...e a partires de aí xa podemos plantexarnos como actuar.

Pero incluso antes de comezar a xogar ao fútbol é tan importante sentarse no chan, en roda, e falar, preocuparte polas cousas importantes da vida, da súa vida, darlles protagonismo pola palabra, que se expresen, dende o máis espabilado ao máis retraído, aínda  que pequenos, torpes e inquedos...son sobre todo persoas.

Iste é o primeiro paso dunha longa andaina. 

Comentarios