Opinión

Un pequeno fracaso

Empezo as feiras desta semana que será a derradeira, pois a axenda cos seus compromisos xa non me permite máis se non quero rebentar, e constato un pequeno fracaso: ideei estes días de semana como un dietario no que ir depoñendo pequenas cousas da vida, comentarios sobre cultura, libros, esas cousas... E non houbo maneira.

O tempo que vivimos turra por un e fainos andar fóra de nós. Releo agora artigos recollidos en “F.M.” (Edicións Positivas) con artigos publicados a fins dos anos oitenta e primeiros noventa e entón aínda escribía sobre literatura e cultura nos xornais, coexistindo coa política. Porén, polo medio de cada década fun escribindo en prensa máis e máis sobre política. Primeiro sobre este paisiño noso, Galicia, e o país soñado, Galiza, e a súa relación, submisión e espolio na España; logo sobre España e esa capital imposíbel, Madrid, e logo sobre Catalunya e a súa relación coa España.

Constato no autor deses centos, miles de artigos un tema obsesivo ou unha obsesión nacional. Ou pode que non sexa unha teima particular do autor e soamente reflicta unha doenza española, o cancro dun nacionalismo de estado que nin cura nin morre e que vive matando.

Francamente, España non ten cura por si mesma, só cambia cando a obrigan a cambiar, pode que agora Alemaña e Europa obrigue a este estado a mudar algunhas cousas e pode que a populación comece a sentir vergoña de ser, unha outra vez, unha vergoña na Europa e entenda que cómpre parar a pensar cara onde se vai. Mais, o marco ideolóxico no que vive a xente é de ferro, serve de exemplo que o espazo máis moderno, tolerante e guai é “Salvados” en LaSexta e para falar de “Las dos Españas” leva a Aznar e González, que veñen ser dúas caras da mesma España. Non lle hai que facer.

O espazo máis moderno, tolerante e guai é “Salvados” en LaSexta e para falar de “Las dos Españas” leva a Aznar e González, que veñen ser dúas caras da mesma España. Non lle hai que facer

 

En calquera caso constato o paradoxo de non encontrar xa utilidade a escribir para o meu país e tamén o fracaso absoluto de facer reflexionar a sociedade española e o paradoxo de encontrar únicamente audiencia atenta na Catalunya. Un país co que pasei do interese e o respecto ao afecto e a lealdade, un país que me era alleo e que pouco e pouco, e sen telo previsto, se me fixo tamén meu.

E comprendo que se escribín tanto sobre política, en tanto outras persoas non o fan, será porque teño unha forte paixón que me arrastra aí. A idea, que nos días serenos penso que é errada, de que as palabras poden cambiar as cousas, o mundo, a vida.

Vexo desde fóra a imaxe de autor que fun configurando para quen asina eses artigos xornalísticos e tamén eses libros de literatura e non me sabe de modo ningún. Hai anos dixéronme nunha universidade norteamericana, “vas a ser el nuevo Vázquez Montalbán”, ao pouco de morrer el, sempre tiven claro que non era o caso e sempre percibín iso como un perigo certo, porén teño que constatar que a dimensión política do autor prexudica á do autor de ficción. E que non val de nada que repita que a literatura que escribo diríxese a un lector, lectora de calquera ideoloxía pois a literatura fálanos dun modo persoal ao centro de nós, á cerna primeira moral e emocional, e aí non hai distingos. Intento facer ver que unha cousa son as ideas do cidadán, argumentadas onde corresponde, e outra cousa son as ficcións cos seus personaxes tirados da imaxinación, onde rexen as leis da liberdade posíbel (a que se dá sob o dominio da dialéctica entre azar e necesidade).

Hai uns meses suspendín as actualizacións na conta de Twitter, mais a inxusta e ilegal persecución que fai este estado á cidadanía que quere vivir en democracia obrigoume a seguir contestando nos espazos onde me deixan e onde podo. Así e todo, conto que poda tomar un respiro logo desta semana na que acabo con estas feiras en “Sermos” e vendo un horizonte ao conflito do estado con Catalunya. Aínda que pareza imposíbel estou convencido de que en cousa de meses chegarase a unha negociación, o que debeu ser xa hai anos. Os problemas da Galiza? Hummm, iso xa é outro cantar, un cantar miudiño pois a este país fáltalle espírito e non ten voz.

E imos aló coa semana.
 

Comentarios