Opinión

O sectarismo na nosa lingua e literatura

Coincide nos mesmos días saber de miserias da nosa literatura e da nosa lingua en tanto que institucións. A entrevista ao Xosé Ignacio, Nacho, Taibo e unha decisión da Real Academia Galega sobre un membro desa institución.

Teño memoria precisa abonda sobre como me fun conformando como escritor en varias fases e períodos e lembro perfectamente que, tras a morte de Franco, na segunda metade dos anos setenta a narrativa en lingua galega esforzouse dun modo moi concreto por facer músculo e facerse capaz a narrar o seu tempo con convicción e credibilidade. Non se entende ben iso hoxe, embora iso siga sen se solucionar, mais tratábase mesmo de crear as palabras que non había para o mundo que si existía. E tratábase de dicir na nosa lingua realidades que non se expresaban, nin se expresan hoxe tampouco, en galego. Tratábase en suma de escribir unha literatura que fose aceptada como tal polos lectores do seu tempo.

E ese traballo fixérono varios narradores cada un pola súa conta mais coincidiron nun tempo, é inxusto meter a ningún autor nunha xeración porque cada quen escribe os seus propios libros e ninguén os escribe por el, por ela. Algúns xa viñan escribindo antes e outros comezan por eses anos. Nacho Taibo foi, é, un deses autores e os que comezamos publicar despois se ese traballo non estivese feito non poderiamos ter feito o que nos correspondeu facer. A obra de Nacho Taibo, alén diso, é digna de ser atendida polo seu propio valor ou así mo pareceu e mo parece.

E ten toda a razón a dicilo, malia que sinalar unha inxustiza que un recibe adoita ser aproveitado polos rivais para desmerecer a un. Recibir unha inxustiza encerra a un nunha argadela perversa, un mecanismo perfecto é cando nin sequera tes dereito a dicilo porque vólvese contra ti. Pois non, Taibo ten toda a razón no que di e o relato da historia da nosa literatura recente estará crebado se salta a súa obra.

Nacho Taibo ten toda a razón no que di e o relato da historia da nosa literatura recente estará crebado se salta a súa obra

 

(Como é inxusta a situación na que se sitúa ou como se recibe ou deixa de recibir a obra do Alfredo Conde. Non ten que caer ben a ninguén, non ten un porque gustar ou simpatizar nin coa obra nin coa súa figura. Non ten un porque concordar cos pasos que deu antes ou despois, mais Conde tamén significou algo no devir da narrativa e o romancismo en galego. Que eu escriba isto probabelmente non será entendido mais coido que contra Conde funciona un castigo e iso faise falseando a realidade. Aquí non sobra ninguén, o sectarismo e máis encerrarse no encarraxamento perpetuo é autodestrutivo).

Alfredo Conde tamén significou algo no devir da narrativa e o romancismo en galego

 

E sabemos da Real Academia Galega e de Xosé Luís Méndez Ferrín. En teoría non deberamos ocuparnos do que decide unha institución particular formada por membros que se elixen entre eles, mais esa institución sendo particular e de particulares non é privada pois ten financiamento público e, ademais, o estatuto de autonomía atribúelle unhas funcións políticas que atinxen á oficialidade da lingua. De modo que é lóxico que atendamos ao que aí ocorre e que teñamos dereito a opinar todos e todas.

Mais eu non pretendo facelo, nin sequera sobre o seu papel de normativización da lingua, simplemente corresponde pedirlle responsabilidade aos seus membros, pois non importa tanto o labor que fagan como o dano que poden facer aumentando o desprestixio da lingua galega na sociedade. Os conflitos sectarios, a falta de capacidade de diálogo ou de visión política para xestionar os enfrontamentos ben por ideas ben por personalismos é algo que os utentes da nosa lingua e a sociedade galega non se poden permitir.

Os conflitos sectarios, a falta de capacidade de diálogo ou de visión política para xestionar os enfrontamentos ben por ideas ben por personalismos é algo que os utentes da nosa lingua e a sociedade galega non se poden permitir

 

Eles, elas posúen esa institución mais téndose adonado non é súa, sendo privada é pública. E aceitando unha responsabilidade ante a sociedade non se pode actuar sen dar contas.

Soamente son manifestacións puntuais da cultura dominante no mundo da lingua e literatura galegas, un sectarismo atroz incapaz de respectar, dialogar, integrar e chegar a entendementos. E por hoxe non me estendo máis porque se me estendo...

Comentarios