Opinión

Saúde e República! Galega

Non é mal día para concluír estes tres meses de cinco feiras semanais, esta colaboración tan continuada, a véspera do aniversario da proclamación da II República española. Tal día como hoxe, non sei se hai corenta e tres ou corenta e catro anos, un comisario da BPS (Brigada Político Social) e un número da Policía Armada apareceron buscarme na miña casa, era unha práctica habitual da policía política facer detencións preventivas en vésperas de efemérides prohibidas. Afortunadamente mentres uns subían polo ascensor aquel mozo que fun tiña boas pernas e alancou polas escaleiras.

Non sei como tería sido a miña vida se me detivesen aquel día e rexistrasen a miña casa, desde o ano 71 as leis foran modificadas para que toda a vida pública estivese baixo un estado de excepción permanente para perseguir “comunistas, anarquistas y separatistas”, probabelmente tería sido unha vida moi distinta (iso é argumento para un conto longo ou un romance). Mentres a I República foi federal, a de Pi i Margall, a II xa foi unha república española unitaria malia recoñecer a diversidade interna e permitir estatutos de autonomía. Se me teño que situar nunha liña de pensamento político non teño dúbida de que escollo a liña que comeza coa intelixencia crítica de Sarmiento e o pensamento libre e descolonizado de Antolín Faraldo, Murguía, a Revolución galega do 1846, as Irmandades, o republicanismo galego, o Consello da Galiza e o antifranquismo todo.

Mentres uns subían polo ascensor aquel mozo que fun tiña boas pernas e alancou polas escaleiras

 

Aínda que intento pensar desde o meu país, a miña sociedade e as súas necesidades no contexto do mundo, non quero ignorar a complexidade na que estamos inseridos. Non quero obviar, porque é estéril e suicida, a situación xurídico, política, económica e o marco ideolóxico no que vive a populación... Os problemas da dependencia política que permiten o expolio económico e humano do meu país só teñen solución pola conquista da soberanía política, porén iso non ten outro camiño que aceptar as realidades existentes e moverse desde elas. É a través da democracia, reclamando e exercendo democracia, como se pode enfrontar a regresión ao franquismo que está en curso. Só a través da democracia se consegue unha sociedade xusta e democrática.

E con isto quero dicir que a II República coa súa estrutura unitaria e radial non era a fórmula máis xusta nin para a Galiza nin para a populación do estado, porén foi e segue a ser unha referencia democrática partillada polos demócratas, isto é os antifascistas en todo o estado. Cando os españois de agora chaman “nuestra bandera” á bandeira borbónica recuperada por Franco só mostran que o franquismo foi un corte definitivo e que triunfou, a sociedade española tras Franco seguiu ideolóxicamente dentro do franquismo. Por iso quen temos algo de memoria ou tivemos a oportunidade de coñecer o prohibido, o que a policía política perseguía e persegue, sabemos que houbo outra bandeira española, a tricolor.

Cando os españois de agora chaman “nuestra bandera” á bandeira borbónica recuperada por Franco só mostran que o franquismo foi un corte definitivo e que triunfou

 

Se me teño que referir a unha bandeira do meu país non teño dúbida de que é a azul e branca do Consello da Galiza, o meu goberno lexítimo exiliado, así e todo tamén está no meu afecto a tricolor, pois aprendín moi novo que quen mellor sabe o que nos convén é sempre o noso inimigo. E o meu inimigo é quen persegue todos os símbolos da liberdade porque prefiguran unha vida libre. Se eu fose o meu inimigo insistiría en introducir os virus do sectarismo e animar a división e a incapacidade de recoñecer aliados e establecer acordos. Por iso son precisos todos os esforzos unitarios contra o franquismo que nunca marchou e campa, por iso é precisa a cultura democrática sen matices.

Se eu fose o meu inimigo insistiría en introducir os virus do sectarismo e animar a división e a incapacidade de recoñecer aliados e establecer acordos

 

Quixen que estas feiras en Sermos Galiza fosen cousa así como un dietario de escritor, só puido ser a dun cidadán nun tempo de urxencia. Hai que aceptar o tempo como vén. E máis adiante xa se verá o que podamos facer. Con todo, xa que estamos en véspera de aniversario republicano desexo agora e sempre a todos e todas saúde e república. Galega, naturalmente, a do Castelao. Pois desde o noso país podemos e debemos pactar soberanías e acordos con todo o mundo. Un mundo no que a populación sofre aquí, en Siria, en Palestina... Iso, saúde e república.

Comentarios