Opinión

Queridos referentes

Benedita ha pasar por “Luar”, é o curso natural das cousas entre nós. A coprotagonista de O que arde, ese filme difícil de clasificar, unha das características da obra de arte, do Oliver Laxe, non só ten graza e mais elegancia natural, tamén interpretou magnificamente o personaxe que lle correspondeu e poderá representar algún outro, porque demostrou ser unha actriz. O premio pola interpretación recente máis os premios ao filme de Laxe fai dela un personaxe popular e querido.

O máis seguro é que entre todas e todos, empezando polos medios, imos facer dela un dos nosos referentes sociais para unha boa tempada, se ela non se defende, faremos que apareza en toda parte opinando de calquera cousa. Acabaremos estruchando o personaxe como se fose un limón. Mesmo, se nos deixa, faremos o mesmo con Laxe, obrigándoo a falar cando é un artista que precisa da distancia e o silencio para crear.

Por que facemos esas cousas as galegas e galegos? En primeiro lugar porque é o que facemos os humanos, necesitamos celebrar os triunfos dos que consideramos os nosos, porque celebrándoos celebrámonos a nós mesmos. E as galegas e galegos necesitamos cousas das que nos podamos alegrar e persoas das que nos podamos sentir orgullosos. Somos unha comunidade humana nun momento baixo da nosa historia, non temos Estado propio e vemos a nosa existencia negada e en perigo de desaparecer. A nosa reacción instintiva é celebrar calquera cousa que nos afirme.

Doutra banda, o poder que nos nega e nos afoga, a través dos medios de comunicación, oculta e fai desaparecer precisamente as figuras e os logros que a nosa comunidade crea. A censura ás figuras que deberan ser o noso orgullo e referencia, o ocultamento dos nosos triunfos cando loitamos e gañamos, cando creamos poder propio, fainos máis débiles. Por iso agradecemos tanto que alguén dos nosos teña suceso, que alguén de nós triunfe.

O que arde é un filme estraño e distinto, persoal. Obra artística dun autor, non debemos reducilo a un espello de nós. Benedita encarnou un personaxe que recoñecemos e sentimos intimamente noso, conmovedor, adorábel, e o personaxe de Amador recoñecémolo igualmente, ferido das nosas feridas, agradecemos a súa arte. No en tanto, Galiza como país non o debemos reducir a eses límites. Somos un país diverso, fértil e complexo e a nación querémola contemporánea.

Comentarios