Opinión

Os presupostos, unha batalla

Estes días o Goberno está a negociar os presupostos para o ano próximo e vaino conseguir e aínda ampliar os soportes que tivo para a súa investidura: por moito que a dereita española e a gran maioría dos medios de comunicación combatan esa realidade, é un Goberno non só lexítimo senón tamén capaz de xestionar eses presupostos.
Que o fagan ben ou mal, que dirixan ben esta situación de pandemia xa é outra cousa a discutir. E, desde logo, que eses presupostos para os que conseguen os votos sexan bos para a cidadanía galega xa é outro conto.

Os presupostos do Estado é evidente que non é algo abstracto que se poida debater en termos aritméticos senón que é unha plasmación anual das relacións de poder dentro do Estado. Tanto no plano social como no institucional ou no territorial. Todo está neses presupostos. E cando discriminan o noso país, os galegos e galegas, pois reiteran a nosa posición de dominio, sometemento e decaemento progresivo. Iso é o que denuncia o BNG, cun único deputado.

O Goberno non precisa agora dese único voto e non negocia as emendas que propón, está no seu dereito. Faino porque pode. Porque os intereses galegos só teñen un único deputado que os defende. Os demais votarán o que decidan as direccións madrileñas. Todo é tan simple.

Se o BNG tivese varios deputados, grupo parlamentar propio, o Goberno veríase obrigado a negociar as súas emendas. É un problema de forza, non de razón. Eses presupostos non nos farán xustiza por seren razoábeis, progresistas, científicos... senón por sermos nós unha sociedade débil para defenderse do centralismo voraz.

Os partidos do Goberno que nos está a postergar din que debemos estar contentos con estes presupostos porque son os dun Goberno progresista. E que o BNG debe votalos porque se non non será un partido progresista nin científico nin guai..., ademais votará o mesmo que a dereita toda. Se fan esas acusacións é para o que se fan esas cousas en política, para amolar. Sen dúbida é unha posición incómoda cando non tes medios de comunicación para explicar a posición, mais non deixa de ser unha falacia.

Unha outra vez, a lóxica dos partidos e os medios de comunicación estatais vai en contra nosa, néganos. Fano porque poden, porque non temos forza e poder bastante para obrigar a pactar. Como cada ano, como sempre, en tanto non teñamos poder propio e soberanía, os presupostos mostrarán a nosa situación nunha competición de forzas. Nunha batalla política na que os partidos estatais operan en contra nosa.

Comentarios