Opinión

Por que afiliarse? Por que o BNG?

Amigos e familiares meus pensan de maneira moi distinta á miña, é o normal, e eu únicamente podo saber por que penso da miña maneira sen ter a certeza completa de que iso sexa bo para todas as persoas. Mais, a experiencia de afiliarse hoxe a unha organización política, concretamente ao BNG, tráeme todo tipo de comentarios e fanme pensar tamén no desprestixiada que está a política e os partidos entre nós. Eu penso que ese descrédito da política, tan cómodo para non luxarse, é un resto potente da cultura franquista. Aínda que tamén os partidos do estado, e os sindicatos, levan feito moito porque a xente aborreza a política.

Comentarios como “pero non eras amigo de Zapatero?”, pasando por “e logo non estabas xa no BNG?” até “que lástima! Eras máis útil como intelectual independente. Agora perdes interese para moita xente.” Comentarios tan diversos teñen fundamento en realidades e tamén en percepcións dos meus pasos que merecen explicación.

Ideais aparte, desde moi novo entendín que había un conflito de intereses entre o meu país, Galiza, e a España existente. E que os problemas do meu país debíanse á falta de elites propias coa conseguinte incapacidade para autogobernarse e, sobre todo, á opresión e ao espolio de recursos e oportunidades por parte deste estado. A oligarquía do estado, a Corte, engorda a conta nosa mentres que predica a nosa incapacidade e o noso destino como dependentes da súa caridade. Nada me fixo mudar de opinión, polo contrario demostrouse con creces que sen poder político propio Galiza esmorece e desaparece e os galegos e galegas seguiremos a ser minorizados e destinados a emigrar ou únicamente a ser estampa colonial, camareiros para turistas.

Cando se extinguiu o PSG-Esquerda Galega deixei de ter unha organización coa que me identificaba nos obxectivos, no proceder e mais na cultura política, en adiante quixen que o meu compromiso social se expresase de modo individual de moitas maneiras. Iso si, dando o voto á organización galega que me parecía máis útil, o BNG. Así e todo, separábanme do BNG cousas.

Demostrouse con creces que sen poder político propio Galiza esmorece e desaparece e os galegos e galegas seguiremos a ser minorizados e destinados a emigrar ou únicamente a ser estampa colonial

 

E non me refiro aos prexuízos que envolven e pairan sobre esa organización como unha nube tóxica. O nacionalismo galego é unha autodefensa cívica frente a unha opresión e expolio que ben poden calificarse de colonial, estivo sempre en minoría e frecuentemente perseguido polo estado español, pois cuestiona directamente o pretendido estado nacional madrileño, en consecuencia cando non foi reprimido xurídica e policialmente foi atacado e estigmatizado. Non é casualidade ningunha que a dirección do BNG fose chamada a declarar á Audiencia Nacional madrileña en plena campaña electoral, sen dúbida iso non era axuda electoral ningunha.

Aínda hoxe o BNG carga cun prexuízo negativo inmediato en tantas persoas que torcen o fociño nada máis mentar as siglas. O poder instituído leva décadas e décadas demonizando a imaxe do nacionalismo galego e quen o representa nesta altura é o BNG, e así esta organización sería escura, antidemocrática, antimodernizadora, egoísta, cerrada, irracional,etc,etc. Mentres que polo visto as outras organizacións políticas, dirixidas desde Madrid, non estarían feitas desa sustancia antinatura e demoníaca da que estaría feita o BNG. Do mesmo modo, os militantes do nacionalismo galego serían persoas rudas, feas, atrasadas, sectarias, ignorantes, antiguas...E a modernidade, naturalmente, estaría representada por todo o que chega de Madrid e os partidarios do nacionalismo español serían persoas lindas e encarnarían a modernidade e o cosmopolitismo mundial, etc.

Aínda hoxe o BNG carga cun prexuízo negativo inmediato en tantas persoas que torcen o fociño nada máis mentar as siglas

 

Trátase de demonizar e caricaturizar a disidencia ao poder do estado para negar o mesmo dereito a existir o nacionalismo galego e Galiza como país e nación. En consecuencia, é natural que os partidos españois propoñan nalgún momento ilegalizar os partidos que non obedezan a Corte. Somos perigosos e o nacionalismo galego debe ser condenado a un curruncho apartado e frío, ao ostracismo, á soedade intolerábel que pretenden.

Sen dúbida tamén o nacionalismo galego, particularmente a corrente que foi históricamente dominante no BNG, debera facer unha revisión autocrítica, pois non só o nacionalismo galego foi incapaz até agora de interpretar axeitadamente a sociedade galega e ofrecerlle unha alternativa críbel, e por iso estamos así, senón que interiorizou os estereotipos que lle creaban os seus inimigos. Cando alguén está en minoría é difícil sustraerse á visión do poder dominante, mesmo cando reaccionas é difícil non facelo caendo na súa trampa. A realidade última do galeguismo non é que celebremos un pasado idealizado senón que somos a única garantía de que o noso país teña futuro.

O nacionalismo galego leva tempo de máis ocupado en afirmar a súa identidade particular, en trazar límite, e mesmo o BNG, debido a ese síndrome de ser minoría, fixo da súa propia historia organizativa todo un relato autoafirmativo celebrando episodios e figuras que sinten como patrimonio particular. Mais ese relato exclúenos a quen non temos militado na UPG, na AN-PG, no BNG.

Sen dúbida tamén o nacionalismo galego, particularmente a corrente que foi históricamente dominante no BNG, debera facer unha revisión autocrítica

 

Particularmente, unha cousa que sempre me mantivo fóra do BNG foi constatar que non aceptaba como unha corrente e unha historia propia a das organizacións nas que militei e que forman parte da historia da esquerda galega e do galeguismo. Se nin recoñecen como propia a toda unha corrente política que capacidade integradora ten esa organización? Por iso e outras cousas importantes, aínda que imprecisas para pasar a palabras, non entrei antes no BNG e seguín por libre. A historia da esquerda galega, a historia do galeguismo e a historia do nacionalismo galego non é exclusivamente a historia do BNG, cando se pretende reducir a iso o BNG redúcese a si propio. Esa organización é moito máis que iso, máis que o que pensa unha parte da súa propia militancia. O BNG ten que ser capaz a prefigurar unha nación posíbel e esa xa é unha primeira base necesaria. E aí temos que estar quen foi militante desas organizacións e agora non é e, primeiramente, quen non fomos e debemos ser.

Mais quen se sorprende de que agora tome partido non se decatou de que aínda que non tivese afiliación a un partido fun militante todo este tempo. E é certo que, así como antes fixen un libro ao redor da figura de Camilo Nogueira, a quen considero un mestre, fixen un libro sobre e con José Luís Rodríguez Zapatero, a quen sigo considerando meu amigo e que, malia as diverxencias políticas máis acusadas nos últimos tempos, non me arrepinto de ter colaborado con el como Presidente. Alégrame ter acompañado a un gobernante decente e valente que concebiu unha España máis moderna e libre, máis democrática e xusta, que a concebiu plurinacional e que, precisamente por tocar os tabús non escritos: a revisión da memoria histórica, o poder da Igrexa sobre as vidas e a moral sobre a muller e a sexualidade, e a ideoloxía e as estruturas do estado nación centralizado, rematou nun fracaso e na ultra corrección de M.Rajoy.

Para min non hai incoherencia ningunha en que sendo galeguista de esquerdas e votante do BNG, alén de defender as causas que sinto, colaborase cun gobernante que expremeu as posibilidades democráticas deste estado. Precísamente esa experiencia mostra a quen o queira ver os límites do estado. Non hai federalismo posíbel, non hai autogoberno verdadeiro que non sexa gañado construindo poder político propio, desde a autoorganización. As organizacións controladas desde Madrid expresan, reproducen e serven a este esquema de poder centralizado na Corte. Só unha organización soberana crea poder galego. A falar claro, se hoxe a Galiza ten algunha significancia políticamente, se ten algunha existencia como nacionalidade é porque existe o BNG; o demais é Madrid e as súas provincias e organizacións locais. Se prefiren, “Madrid y sus autonomías.”

Debo considerar que a afiliación a unha organización política, neste caso o demonizado BNG, fai que a figura do escritor perda? Seguramente a figura perde como referencia intelectual ou social para persoas que teñen o prexuízo dictado sobre o BNG ou o galeguismo no seu conxunto. Mais precisamente a decisión débese a que constatei que xa non estaba a ser útil como intelectual non adscrito a partidos, de que val conservar prestixio ou posición pública se non é útil socialmente? Nos últimos tempos constatei que a evolución da sociedade española, ante o desafío democrático catalán, foi a peor, sectarizouse no nacionalismo españolista dun modo que non ten volta a curto prazo. Na vida pública española hai tempo que non teño un lugar claro para intervir intelectualmente, manteño un lugar no mundo dixital e aínda así percibo que a miña posición non é compartida nin comprendida pola maioría das persoas que se sinten españolas e de esquerdas.

A historia da esquerda galega, a historia do galeguismo e a historia do nacionalismo galego non é exclusivamente a historia do BNG, cando se pretende reducir a iso o BNG redúcese a si propio

 

A insuficiencia cívica da sociedade española é profunda e a súa identificación con este estado posfranquista grande, de modo que desde os sectores máis atrasados culturalmente até os intelectuais empoleirados polo poder nos seus medios, partillan a mesma incomprensión e hostilidade a quen non asumimos o seu proxecto nacional e a quen reclamamos exercer o dereito á liberdade de expresión. En España non hai nada que rascar, calquera apelación ao federalismo desde a Corte só é un enredo para soster o poder madrileño. Tanto ten La Zarzuela como La Puerta del Sol, todo é a España castellana radial.

Doutra banda, tampouco na Galiza tiña sentido ou función alguén que pretendía tecer os lazos posíbeis, crear candidatura soberana galega que tivese grupo parlamentar propio. Xa se viu o que se viu, quen quixo ver. Eu vin e vexo quen é soberano para pensar e defender o meu país desde aquí e quen non.

De modo que non creo perder nada porque nada teño xa e, ademais, non se trata de ter para un. En cambio si podo dicirlle á miña sociedade isto: nunca virá de fóra remedio ou esperanza para resolver os nosos problemas e garantir a nosa mesma existencia. O dominio do pensamento ultraconservador é o que argumenta esta sociedade que perde o sentido de país, onde os individuos ou as cidades esquecen que se non forman unha comunidade, unha nación, serán simplemente consumidores alienados en mans do poder que controla os medios, a economía, o estado, a vida...

É preciso reforzar ás organizacións soberanas galegas, e por iso quero achegar compromiso a unha organización imprescindíbel. Non hai futuro para Galiza contra o BNG, o futuro que construamos ten que ser dentro do BNG ou con el. Esta organización que sufriu nos últimos tempos, cando estaba a acumular forzas, unha ruptura traumática innecesaria e absurda e que está a reaxer con humildade e con constancia merece a nosa confianza.

Eu vin e vexo quen é soberano para pensar e defender o meu país desde aquí e quen non

 

Aprezo o traballo dunha nova xeración que anovou a imaxe e a presenza da organización e tamén constato polo país adiante como unha vez e outra se volve anovar a imaxe do BNG nas vilas e parroquias. Toda esa ilusión e ese ánimo en condicións tan adversas non debe ser ignorado e precisa de tod@s nós, non pode ser que os galegos e as galegas deixen na indiferenza ou na soedade ao BNG para que nos defenda desde a soedade. Porque tod@s sabemos que o BNG sempre estará aí cando é preciso, mais tense que nutrir do país. 

Todo o poder instituído ao noso arredor dinos, “non podedes, estades sós. Galiza non é posíbel, debedes rendirvos, entregar a ilusión e a esperanza”, insisten en nos impor a desesperación. Contra a desesperación insistamos na rebelión, para gañar a esperanza. Rebeldía cívica galega.

Comentarios