Opinión

O país no que as vacas desaparecen

No mesmo día no que remata a vixencia das cotas lácteas procuro a noticia en cinco xornais editados nas cidades galegas no que 

No mesmo día no que remata a vixencia das cotas lácteas procuro a noticia en cinco xornais editados nas cidades galegas e só me aparece nunha, na web de “El Correo Gallego”, nas demais consideran máis interesante para os seus lectores que morra a muller máis vella do mundo, 117 anos, ou as causas do odor corporal (é ben digno de estudo a representación da realidade nos xornais e nos medios de comunicación).

Hai corenta ou trinta e cinco anos iso había ser noticia. Xa non o é os trances que vive a nosa agricultura. Digo “nosa”, porén xa non é percibida así polas elites do país, supoño que consideran que os problemas do sector leiteiro son problemas particulares de certas familias. Nin sequera se lles atribúe unha importancia relativa como un colectivo que aporta riqueza ao país, non son tan sequera un problema sindical. Moito menos un problema político, e debera selo porque o sector leiteiro debera ter sido un mastro do sector agrario se o noso país tivera aproveitado as décadas da autonomía. Hoxe non é percibido polo conxunto da sociedade galega como un patrimonio colectivo, simplemente é invisíbel, foi esmagado lentamente e arrombado.

Nestes anos os medios de comunicación formaron camadas de individuos alleados, xa hai quen vive absorto nas leas da política madrileña e ignora o que ocorre no noso país

A sociedade galega vive dentro dunha burbulla madrileña, a Puerta del Sol é un furado negro, o cu da Península, que traga as nosas realidades. Nestes anos os medios de comunicación formaron camadas de individuos alleados, xa hai quen vive absorto nas leas da política madrileña e ignora o que ocorre no noso país. Iso chámase alienación, colonización, paletismo e moitas outras cousas. Unha forma de carecer de dignidade como persoa completa.

Neste país desaparecen, esvaídas na brétema e no silencio, as vacas. Todo, todos e todas, toda canta cousa hai na Galiza mesmo está a ser “desaparecida”, tragada por un furado negro.

Polo si ou polo non, eu digo que esas vacas que se perden tamén son miñas. 

Comentarios