Opinión

Os homes que odiaban os libros

Cóntame unha moza que pensara estudar un máster de edición na Universidade e que o anularon. Calculo que sería por falta de matrícula e non por outro motivo, mais resúltame tan doroso como significativo pois quere dicir que non formamos editoras, editores.

Unha editora, un editor é alguén que crea revistas, xornais, libros... Non pode haber información e cultura sen xornalistas e escritores, tampouco sen editores. Non permitir a formación de editores quere dicir que renunciamos a ter información e cultura. Un país que non forma editores é unha provincia inculta que renuncia a existir. Unha provincia que expulsa aos seus fillos e fillas. queiran vivir de calquera cousa ou queiran vivir de editar revistas ou libros. 

Un país que non forma editores é unha provincia inculta que renuncia a existir

 

É arrepiante a indixencia indecencia desta Galiza microautonómica, onde as limitadas capacidades do autogoberno ficaron reducidas ao mínimo. É a autonomía xestionada polos seus inimigos. É unha cultura galega vixiada e boicoteada polos seus inimigos, o raposo a gardar as galiñas.

Que a consellaría encargada formalmente de protexer e pular na nosa cultura elimine a presenza dos nosos libros nas feiras internacionais é coherente coas súas intencións, coas intencións dos caseiros na nosa terra dos señoritos madrileños. Éses que de cando en vez veñen veranear e pasearen polas rías neses iates tan do contrabando e da fariña. Ou fariña ou libros e vese que non dá para todo.

Comentarios