Opinión

O primo Guillermo

O meu pai tivo un can chamado Ney, tanto impresionou a “francesada” na memoria do país que os nomes dos mariscais chegaron a nós reencarnándose en animais familiares. A historia tivo ecos que duraban tanto e os grandes acontecementos facíanse cotiás. Tamén a guerra de Corea deixou moitos barrios “de Corea” nos arrabaldos máis inhóspitos das cidades, sempre se creou folklore, aínda que nada máis fose para se burlar dos pobres e estigmatizalos con burla. Tamén os rusos nos deixaron un lindo folklore de “sputniks” e un nome para lle pór ás cadelas, “Laika”.

O que pasou a marcar a conciencia despois foi a televisión. Veu a televisión e na miña cidade houbo un barrio co nome da granxa dunha serie televisiva do Far West, “La Ponderosa” e aínda fixeron outro grupo de vivendas e foi baptizada tamén co nome doutra granxa doutra serie televisiva, “El Gran Chaparral”... Fóronse pasando as series de televisión, non houbo parroquia ou barrio no que non houbese alguén batpizado comicamente como “Trampas”, “O Rebelde”, “O fuxitivo”... Non nos matamos moito, copiamos da televisión e andando. Lembro a un veciño chamado “O Bichalto” porque houbo un xogador do fútbol inglés chamado Bobby Chalton. E así con todo.

Veu a televisión e na miña cidade houbo un barrio co nome da granxa dunha serie televisiva do Far West, “La Ponderosa”

 

A min non fixo falta que me inventasen nomes pois co apelido que levo abonda. Así e todo houbo un momento no que o apelido correu máis do que corrían os meus feitos ou os meus libros, chegou á xente ao que “lle sonaba” o personaxe e nin me coñecera nin lera un libro meu, e así bastantes veces se referían ao que asina isto como “del Toro”. E que lle ha facer un, se non pode. Con todo, máis ou menos, vai habendo un equilibrio e aínda que os menos informados, os que se achegan desde unha distancia, confundan e non pronuncien ben o certo é que máis ou menos van sabendo de quen falan.

Mais logo, eu dou confianzas, acaboume preguntando, “e a vostede con ese apelido, non o confunden algunha vez co director Guillermo del Toro?”

 

Non sempre, acabo de falar cunha persoa nova, un par de anos de rematada unha carreira universitaria que esixe estar informado e que se vía obrigado a falar comigo por esixencia da profesión, como lle falei galego intentou como podía facer outro tanto. Un xa non di nada, está afeito a desculpar a ignorancia e a incompetencia. Mais logo, eu dou confianzas, acaboume preguntando, “e a vostede con ese apelido, non o confunden algunha vez co director Guillermo del Toro?”. O tal Guillermo ocupa dúas veces o que eu, vive noutro lado e dedícase a outra cousa, mais segue a ser o de sempre: os medios de comunicación crean o folklore dos nosos días e son o ar que respiramos.

Mesmo hai veces nas que fago brincadeira e digo que ese primo meu é un autor cun mundo moi persoal, onde a fábula se fai conto gótico. Excesivamente morboso para o meu gusto, mais un verdadeiro artista. Non hai como presumir da familia.

Comentarios