domingo 24/10/21

A nosa tradición republicana

A tradición republicana española apareceu e desapareceu no século XIX e o primeiro terzo do XX, até que foi degolada e arrincada de raíz desde 1936 polos xenerais nacionalistas españois coa represión.

En 1977, nas primeiras eleccións tras a reforma política, seguindo o designio franquista da Transición, non se lle permitiu presentar a Izquierda Republicana, que representaba explicitamente a vontade republicana. E PSOE e PCE, malia invocacións retóricas republicanas, xa formaban parte do pacto para a restauración borbónica.

A tradición republicana galega, como todos os principios políticos democráticos galegos, ten asento na Revolución Galega de 1846. Faraldo non especifica a forma institucional que debe ter o que antes foi Reino da Galiza, mais a proclama da Xunta xa aluma unha nova forma necesariamente republicana.

No século XX o republicanismo convive con outras correntes dentro das Irmandades da Fala e está perfectamente encarnado no pensamento de Antón e Ramón Vilar Ponte e despois no Partido Galeguista.

A nosa sorte foi dentro da traxedia española e a liquidación física das persoas e os sectores sociais que encarnaban a cultura e o pensamento republicano non permitiu que chegase a nós. O republicanismo galego e o galeguismo republicano ficou nas tumbas e no exilio americano.

Tanto a corrente de Piñeiro, que conecta con "Dereita Galeguista" que se arredou do republicanismo en Febreiro de 1936, como o rexurdir dunha esquerda nacionalista galega, por causas distintas, nacen sen conexión verdadeira co republicanismo. Uns porque non quixeron e outros porque non puideron.

A presenza dominante desde o seu nacemento da ideoloxía marxista leninista e do pensamento anticolonial no novo nacionalismo galego na fin da posguerra serviu para focalizar a crítica ao Réxime nas inxustizas sociais derivadas da marxinación da Galiza, da extracción dos nosos recursos e da explotación capitalista. Naquela altura, o comezo dos anos 60, a sociedade era tan débil que non cabían as demandas puramente de liberdades civís mais que como un complemento dun cambio revolucionario total.

Esta crise da restauración borbónica designada por Franco, a Transición, obríganos a recuperar de xeito explícito e inmediato a memoria e a continuidade republicana. Non haberá cambio social nin económico que non pase pola forma democrática, unha república. As demandas e intereses galegos encarnan en república, quen herdamos as tradicións tanto da esquerda como da democracia aquí forzosamente somos republicanos.

comentarios