Opinión

Non seremos inocentes

A escribir apréndese, mellor ou peor, lendo. Eu fíxeno lendo nun tempo de falsidade no que reinaba unha harmonía aparente, os diarios ocultaban completamente a realidade, o relato dos días era “o parte”, unha mentira e a verdade ouvíase polas noites en Radio París.

Tras morrer Franco, quen puido sacudiu o medo, escribiuse opinión e informacións libres como nunca. E ese tempo pasou logo e os medios de comunicación pasaron a ser novamente parte dun sistema que afogaba cun optimismo histérico, o Madrid cañí seique estaba de moda e un bailarín xitano foi a imaxe da nova España na revista Time. As empresas de comunicación foron pasando a ser propiedade da banca e a alimentarse do diñeiro público que administran os partidos estatais, traballan para o capital especulativo madrileño e engordan co noso diñeiro. E todo para manternos encerrados nunha bocha de mentiras.

Pódese dicir sen esaxerar moito que o grupo Prisa foi quen creou o argumento da “nova España” do PSOE de Felipe González, desde o corazón do Madrid máis pijiprogre creouse un relato que o conxunto da sociedade española aceptou con gusto: os españois deixaramos de ser pobres e incultos e eramos europeos ricos e atractivos. Ese grupo foi o soporte de González e creou ideas, lemas, escritores, cineastas, músicos, libros, filmes e até partidos políticos, aínda anda por aí a fantasma de Rosa Díez. Pasaron os anos e son outros tempos, tras a crise financeira xa non hai un partido que por si mesmo poida garantir estabilidade, sexa PSOE ou PP, e os bancos entraron directamente en política creando, animando e manipulando o xogo partidario español a través dos medios. Hoxe é o grupo Planeta Atresmedia (La Razón, Onda Cero, Antena3, La Sexta...) principalmente quen mantén en perpetua tensión os telespectadores, mandándoos contra os cataláns ou contra quen se precise.

Este diario nace nese contexto, non poderemos finxir inocencia. Terá que combater con alegría a idea que nos transmiten outros medios de que somos unha terra sen futuro, un territorio vencido e condenados a servir ao poder madrileño. Fronte aos referentes que nos impoñen, personaxes choqueiros, incultos, acomplexados, facer visíbeis os elementos vitais en cada campo da vida social, persoas con dignidade, cidadáns e cidadás galegas sen complexos. Contemporáneos con naturalidade, europeos descolonizados.  

Comentarios