Opinión

No que estamos

Ao falar das eleccións locais adoitase dicir que importa moito máis o candidato e que non son tan “políticas”. Vaites coas eleccións “non políticas” que arrombaron a monarquía Borbón en 1931 e que desta volta revolven o mapa político español e aclaran o galego. Certo que nos concellos pequenos son moi determinantes as persoas das candidaturas, mais nas cidades, malia iso influír nalgúns casos decisivamente, como na cidade de Vigo nesta ocasión, son fundamentalmente políticas e están determinadas polo contexto político do estado.

O mapa político galego, malia non ter hexemonía nacional galega, ten características propias.

O mapa político español non acaba de voltar ao bipartidismo, a dereita está dividida en dúas partes e media, o fascismo explícito de VOX entrou de forma impune e xa é parte lexitimada do sistema político e, na esquerda, o PSOE volve ser o partido completamente dominante e hexemónico mentres que Unidas-Podemos, que aínda está a dixerir o fracaso con resultados que non podemos prever, volve ocupar o lugar que mantiña Izquierda Unida noutrora.

Un mapa político propio

O mapa político galego non é como o catalán, onde as forzas soberanistas teñen a metade do voto mantendo en circunstancias moi duras a reclamación republicana e o dereito a decidir, nin como o vasco, onde o nacionalismo vasco é claramente maioritario e o nacionalismo español recúa e pasou a ser expresión principalmente colonial. O mapa galego con todo ten un rasgo propio, só hai dous partidos españois significativos, PSOE e PP, outro minoritario, Unidas-Podemos, e un galego, o BNG. Nas pasadas eleccións ao parlamento español Unidas-Podemos obtivo nas provincias galegas dúas actas, porén nas pasadas eleccións municipais non compareceu como tal e nas europeas non conseguiu acta ningunha aquí. Así carece completamente de presenza e poder local, a falta de que as candidaturas locais que desta volta evitaron definirse entre “En Marea” e Unidas-Podemos palien esa realidade facendo explícito o seu aliñamento dándolle presenza nas capitais de provincia e algunhas outras localidades. Doutra banda, nin VOX nin Ciudadanos tivo resultados significativos. Así pois, podemos dicir que o mapa político galego, malia non ter hexemonía nacional galega, ten características propias.

Hai veces nas que se manifesta claramente o salto do cuantitativo ao cualitativo, é este caso no que os moi malos resultados das candidaturas municipais que se teñen referido a si mesmas, como “mareas”, “municipalistas”, “do cambio”, “rupturistas”, “rebeldes” e que tiñan os seus referentes en Iglesias, Errejón, Carmena, Colau... deron lugar a un fracaso político total e á súa anulación como un referente político posíbel. A súa crise foi en consonancia co fracaso e a crise do seu referente partidario, Unidas-Podemos en Madrid e no resto do estado. Para a esquerda e para o proxecto nacional galego vai ser importante a definición ideolóxica pública e o aliñamento político desas candidaturas que medraron na sombra de Podemos sen renunciar a reivindicar rasgos dunhas orixes no nacionalismo galego.

Para a esquerda e para o proxecto nacional galego vai ser importante a definición ideolóxica pública e o aliñamento político desas candidaturas que medraron na sombra de Podemos sen renunciar a reivindicar rasgos dunhas orixes no nacionalismo galego

E chegou o experimento “Podemos”

“Podemos” foi algo que nos ocorreu a todas as persoas que até a súa aparición militáramos dun xeito ou doutro nas causas sociais e na causa nacional galega e agora que transcorreu un arco da súa existencia pode e debe ser visto con algo de perspectiva. (Tamén supoño que foi cedendo un pouco o entusiasmo cegador que chegou ao fanatismo e que impedía facer unha mínima crítica política sen que o insultasen a un. A agresividade de quen se sinte en “superioridade moral” non é exclusiva de ninguén, tamén o BNG, malia nunca ter sido unha forza triunfante, ten padecido esa síndrome da superioridade moral. A vida xa se encarga de devolvernos a todos á humildade e así debe de ser.)

A crise financieira e económica e as políticas decididas polos comisarios europeos, nomeadamente o Bundesbank, e aplicadas polos gobernos españois orixinaron unha grande angustia na sociedade española, crebaron as nosas expectativas de vida, e desencadearon un malestar que fixeron estoupar a xuventude universitaria en Madrid e que, a través dos medios, tivo o seu eco nas cidades españolas. A protesta dunha mocedade que viu sacrificadas as súas lexítimas expectativas profesionais e os seus proxectos de vida reclamaba lóxicamente medidas correctoras daquelas políticas económicas e tamén das prácticas políticas. En conxunto foi unha crítica “á política” e aos partidos políticos existentes. Ese rexeitamento atinxiu de rebote tamén ao BNG, que a maiores viña dunha ruptura que non só o debilitara senón que tamén o deslexitimara, pois a parte que marchou acusaba ao núcleo da organización de autoritarismo e cerrazón, cousa que lexitimaba a súa éxida cara un espazo mixto coa esquerda sucursalista, Izquierda Unida, nunha candidatura, AGE.

A frustración desa xeración universitaria castigada pola crise foi aproveitada por unha equipa de profesores dun departamento universitario madrileño para facer un experimento político, “Podemos”. A protesta do 15-M ofrece interpretacións diversas segundo a orixe de quen opine, o ángulo desde onde o ve e segundo os seus intereses particulares, francamente coido que non é de ningunha das persoas e grupos participantes dun modo exclusivo e que o seu carácter real foi expresar o descontento e criticar a política establecida, a iso foille sumando cada quen elementos políticos a posteriori.

Ben sei que quen se sinte propietario ou simplemente identificado con aquilo non estará de acordo co que digo e non hai posibilidade tampouco de que concordemos pois eu o interpreto desde fóra. Desde alguén que cre no individuo e tamén no colectivo, que cre na lexitimidade orixinal da disidencia individual e nos movementos de protesta e que, pola súa experiencia vital, tamén acredita na necesidade das organizacións que sobreviven aos movementos. Acredito no activismo mais comprendo e defendo a necesidade dos sindicatos, asociacións e partidos porque os movementos teñen unha duración limitada de antemán e as organizacións manteñen no tempo as reivindicacións e obxectivos a conseguir. Son precisos eses dous momentos da loita política.

O poder da política mediática desde a Puerta del Sol

A operación política “Podemos” foi unha mistura de caudillismo mediático, utilización de mecanismos de seducción telexénicos, invocacións abstractas a un cambio e calquera cousa que fose de utilidade para apropiarse dese gran capital de indignación de camadas urbanas a desgusto coa situación económica e política. Para iso traballaron coa idea dun marco baleiro no que cabían todas as emocións e promesas abertas de futuro e de triunfo. “Podemos” foi en inicio o que cada quen quixo proxectar nese contedor baleiro.

Galiza ten un problema político grave, o nacionalismo galego non consegue xuntar poder para expresar a súa existencia e os intereses sociais que nos son propios

Podemos foi un triunfo da linguaxe publicitaria que incluíu a utilización de modelos ataviados con estudadas roupas informais que sintonizaban con eses sectores mozos ilustrados e cenas cuidadosamente planificadas, igual que nas narrativas audiovisuais foi fundamental a identificación cos personaxes da narración. Falta unha análise semántica elemental da presentación inicial do Partido en Madrid, @s dirixentes vestidos de branco descendendo por unha escaleira a un salón onde @s seguidores aplaudían conforme descendían da altura ou a entrada no Congreso en grupo tras unha cadeira infantil cunha meniña incluída.

Nada foi improvisado, todo foi estudado. Mais iso non tería triunfado se desde o comezo non tivera a complacencia do sistema mediático español, fortemente centralizado en Madrid e propiedade directa do IBEX. Desta volta non foi El País, atendido por xeracións maiores establecidas no confort e identificadas co PSOE e Ciudadanos, quen podía dar cabida a esta irrupción e foi o grupo Atresmedia (Antena3/LaSexta) quen acubillou e ofreceu moita atención ao nacente partido. Mesmo eran necesarias as críticas cáusticas en Antena3 e La Razón, propiedade do mesmo grupo, e dous outros medios da caverna madrileña para lexitimar ante o seu electorado posíbel ao novo partido que se presentaba como dunha aérea esquerda alternativa sen conexión ningunha cos vellos movementos sindicais que tradicionalmente deran soporte á esquerda tradicional.

Se Podemos custionase realmente o statu quo non tería tido eses apoios. Mais resultou ser un instrumento efectivo para recentralizar ideolóxicamente a política, todas as olladas na Puerta del Sol onde brindaban con “botellín de Mahou” e un dique e unha porta de penetración nos espazos nacionais sen estado, e así penetrou con Colau en Catalunya, en Euskadi e mais na Galiza coa Marea.

A actualización da política

E, conforme, coa cultura xeracional e os novos hábitos d@s fill@s da xeración que anteriormente votaba PSOE e lía El País, foi importante a utilización das redes sociais e Internet para multiplicar as mensaxes. Actualizaron con intelixencia os recursos políticos. O que fixemos cando “Nunca Máis” na Galiza, a utilización de Internet e dos SMS para difundir as nosas mensaxes e coordinar mobilizacións fixérono estas equipas para organizar unha rede de simpatías. Outra cousa é un asunto de fondo, a substitución das relacións persoais por relacións mediáticas e do debate deliberativo presencial polas interrelacións nas redes. Entender que o apuntarse meramente como membro dunha organización dixital é un verdadeiro compromiso persoal é un erro absoluto, como o proba a realidade da falta de militancia desa organización, e se saísen á luz as fraudes nas votacións dixitais internas entón deberan facer unha corrección profunda dese modo de funcionar e dese modo de ser. Internet e as redes poden ser unha ferramenta ou un placebo e un opiáceo enganoso. Así e todo nisto como noutras cousas hai que lle alabar a audacia e a falta de medos.

Porque a xeración de políticos de Podemos, e baixo ese nome identifico tamén ás organizacións locais e autonómicas que achegan os votos para o grupo parlamentario Unidas-Podemos e seguen a eses dirixentes madrileños, non ten medo a facer política e a xestionar poder político. E iso paréceme o natural en política, a política son moitas cousas que atinxen a vida persoal e colectiva mais todas converxen na loita por conseguir poder, e entendo que o nacionalismo galego que na actualidade se expresa no BNG existe un resorte de fondo que o autolimita: a interpretación que fai da sociedade e o tempo actual leva a retraerse e non atreverse a dar os pasos necesarios que conducen a ocupar poder alén das institucións locais.

A emancipacíon da vella ética política

Mais na falta de medos dos políticos de Podemos e as súas marcas locais tamén sospeito unha falta de peso que os fai tan libres e soltos. A esquerda tradicional, o nacionalismo galego entra nesa categoría, ven lastrada por lecturas da realidade histórica obsoletas e por un rigorismo moral e ético que lle dificulta a competición polo poder, mais nestes novos políticos aprecio unha case total ausencia dese rigor tanto neles como nas persoas que os seguen.

Só iso explica a total desenvoltura por non chamar cinismo que supuxo a maior fraude que lembro na política galega: unha candidatura que se presenta como independente de Madrid, que promete formar grupo parlamentar e que non o fai. Que logo acabase asinando os presupostos máis inxustos co noso país xa é o final necesario. Porén, é coherente coa instalación no piñeirimos máis puro enunciado explícitamente, que a Galiza por si mesma non pode saír da súa situación histórica e debe submeterse á algunha das estratexias políticas emanadas desde a corte. Iso con luces de cores e redes sociais, o que eu chamaría piñeirismo con Instagram.

Que os políticos fagan algo así era impensábel até hai pouco, mais que os seus votantes o asumisen e que insistisen en votalos tamén era impensábel até hai pouco. E que un partido que dicía ser o summum da democracia e construirse de abaixo arriba funcionase cos peores defectos do autoritarismo en xeral, e se se quer do peor leninismo, unha organización onde unha chamada telefónica de Madrid á Coruña suspendese a decisión dos afiliados, onde o dirixente máximo liquidase por decisión persoal un secretario de organización tras outro...e seguise ostentanto patente de democracia tampouco era cousa de crer. Xa non digo que era inimaxinábel que un partido estivese dirixido por unha parella de persoas. Ada Colau representa perfectamente ese “asalto a los cielos” anunciado nunha praza de touros, todo vale para alcanzar o poder e non perdelo. No tempo dixital a ética, dar a cara e responder das palabras e actos, semella un estorbo caducado.

Nada exclúe de que cada un faga o que debe, o nacionalismo galego tamén

Mais a Galiza ten un problema político grave, o nacionalismo galego non consegue xuntar poder para expresar a súa existencia e os intereses sociais que nos son propios. Podemos e demais están baleiros de ideoloxía mais só con ideoloxía non se fai política. As pasadas eleccións demostraron que malia retroceder as marcas locais podemistas o BNG non recuperou sen máis o espazo perdido, por máis que si creceu e espertou unha crecente simpatía e recoñecemento. Nin sequera o noso fracaso nas lexislativas, malia o crecemento electoral o país segue sen representación propia no congreso español, conseguiu que unha parte da sociedade que a continuación se lamentou desa perda de representación revisase o seu voto e apostase polas candidaturas de país. Como digo, o BNG crece, esperta simpatías e ten espazo para medrar, mais tamén terá que revisar a lectura que fai do noso país se queremos construír nación pois non hai cambio político de altura, non hai obxectivo estratéxico que para conseguilo non nos pida unha análise esixente da realidade na que nos movemos.

Non son optimista sobre a evolución inmediata desas candidaturas municipais á sombra de Podemos nin do que quede nesta altura de EnMarea tampouco, intúo que entenden que a súa supervivencia é permanecer xa de forma clara dentro dese espazo do sucursalismo, mais insistir coa mellor fe no diálogo e intentalo dun modo concreto é preciso se queremos acumular forza e se queremos que a sociedade comprenda que o nacionalismo galego é atraínte e constructor do país.  

Comentarios