Opinión

A moralidade da política

Dou por sabido que quen estea a ler isto ten noxo da exhibición do fascismo na moción de censura de VOX, non abondo niso. Non son “dereita” ou “extrema dereita” ou “moito dereita”, son fascistas impudicamente, o que estaba aí agora móstrase e xa se normalizou.

Que tanto lixo ideolóxico nos chegue no medio desta pandemia fai que nos resulte máis noxento e, así e todo, é o normal. Pode sorprender ás persoas de boa fe que contemplan o espectáculo mais a política é un mundo autónomo e separado da realidade que experimenta a cidadanía común, neste caso separado de máis.

Hai pouco repasei os textos que relatan os debates e enfrontamentos previos ao golpe de xullo do 36 e aí estaban o extremismo nas posturas. Por parte da dereita conspiradora era algo premeditado para preparar o golpe, por parte dos demócratas e as esquerdas había moita inmadurez, non podían imaxinar o futuro inmediato.

E volvín ler os enfrontamentos internos no bando republicano no medio da Guerra Civil, de novo falta de madurez e grandes irresponsabilidades. Mais tamén contemplei como as diferenzas ideolóxicas son unha realidade, como as ideas son algo tanxíbel que determina a realidade social e material. Por unhas diferenzas ideolóxicas, ideas na cabeza de persoas, morren persoas e destrúense bens.

E se un le o relato que fai Castelao no Sempre en Galiza sobre as diferenzas dentro do exilio republicano, de como trataron a causa galega os socialistas españois, por exemplo, ou se sabemos do pensamento profundo de Azaña sobre os nacionalistas cataláns ou que Negrín “Antes de consentir campañas nacionalistas que nos lleven a desmembraciones, que de ningún modo admito, cedería el paso a Franco sin otra condición de la que se desprendiese de alemanes e italianos”. E dicía iso no medio da guerra, cando os xenerais nacionalistas levaban exterminado xa sistematicamente os seus propios concidadáns demócratas. As ideoloxías, neste caso o nacionalismo integrista español, poden máis que o sentido común incluso nun momento de crise máxima e, desde logo, máis que o sentido democrático e pacífico.

Agora mesmo, no medio da pandemia, cústanos aceptar a competitividade entre os partidos, e xa non falo de toda esa dereita franquista que vai do PP e pasa por Ciudadanos a VOX. Compiten, búscanlle as voltas, formulan problemas… Non hai que darlle voltas, a política é así, loita polo poder. E hai que levala con crítica e tamén con relatividade distante. Como a vida mesma.

Comentarios