Opinión

Ese Madrid antipático

Este ano os veraneantes de fóra seique son máis antipáticos, particularmente os da meseta e moi nomeadamente os que veñen de Madrid. A pandemia mudou e muda moitas cousas.

As autoridades madrileñas, coa colaboración do Goberno, ocultan o que ocorre en Madrid. E, con todo, sábese que a capital do Estado foi o foco emisor do virus antes e que agora, por máis que sinalan a Catalunya como foco principal, novamente volven enganar e ocultar a dimensión da pandemia alí. Dese xeito deixan indefensa tanto a poboación residente nesa cidade e comunidade como a do resto do Estado, expostos todos á desinformación e ao contaxio. E a desconfiar unhas das outras.

Tal irresponsabilidade, tal incapacidade dunha banda de inútiles mostran o desastre que é Madrid como capital do Estado. Unha capital que fai “dumping” fiscal ás demais comunidades autónomas e que se alimenta exclusivamente de ser capital e absorber os recursos económicos, financieiros e humanos do resto do Estado. Falan da “España vacía”, realmente está baleirada e o que a baleira é fundamentalmente ese furado negro no centro da meseta. O parasitismo da corte é a clave de que o modelo económico español sexa inviábel e dependa do endebedamento, de Europa, do turismo e a construción. Todos alimentamos ese furado insaciábel que traga todas as oportunidades, esa boca bulímica sempre aberta onde conducen os AVE. Unha concentración de poderes e riqueza que non quere ser desafiada nin sequera retratada, atreverse a criticar o centralismo madrileño é garantía de ter a inimizade de todos os poderes do Estado. É tabú. (Recomendo ler “Madrid es una isla” de Óscar Pazos.)

A oligarquía da corte encargouse tras a morte de Franco de argumentar novamente o prestixio da capital. Xa non valía a zarzuela e houbo que lanzar a “movida”, ao tempo que se desautorizaba e estigmatizaba a Barcelona. Nos anos oitenta os medios de comunicación da corte mallaron en nós co neocasticismo, tan rancio como o dos seus avós, e con que Barcelona xa non era cosmopolita etc. Os medios de comunicación españois, todos eles madrileños, seguen a mallar cada día.

En Madrid, hailles xente de todo tipo, aínda que efectivamente a cultura local failles crer a moitos que esa cidade tan dura para vivir é un lugar de privilexio e non merecen ser castigados co prexuízo de seren chulos e maleducados. Teño amigos madrileños moi discretos e de exquisita educación. O que si, a pandemia deixou claro que esa cidade é un desastre e que esa corte é unha capital desleal e parasitaria.

Comentarios