Opinión

Linguaxe do poder, colonial e falso

Teño lido en libros de Historia que os Reis Católicos foron un avance na liña do progreso histórico, pois seica reforzaban o poder dos reis fronte aos señores feudais, de maneira que deberamos alegrar. Isabel coa nobreza castelá e a Igrexa, fundamentalmente Toledo, derrotou a lexítima dona Joana, casada co rei de Portugal, e usurpou o trono. Desde aquela a nobreza galega, é dicir a clase dirixente do noso reino naquela altura, foi decapitada politicamente e o reino permaneceu sometido á corte castelá. E debemos alegrarnos, porque foi un "avance progresista".

Tamén nos debemos alegrar cando nalgún momento da infame monarquía borbónica, durante a rexencia de María Cristina, que xa ela roubaba como os de agora, Cea Bermúdez e Javier de Burgos liquidaron o Reino de Galicia e deixaron as actuais catro provincias de Madrid. Antolín Faraldo e demais dirixentes políticos da Revolución Galega de 1846 pretenderon a reunificación do noso territorio cun programa democrático, mais seguro que os libros de Historia deste Reino de España seguirán instruíndo en que a liquidación do noso reino é un "avance progresista". Porque o sometemento á corte madrileña seica é sempre un avance progresista.

Ese tipo de argumentación torpemente pseudohegeliana do proceso de dominio que nos conduciu á nosa miseria é a versión "científica" e "modernizadora" do que nos aprendían antes na escola con Franco é a versión "progre" do discurso para colonizados. Con Franco contaban o mesmo, sequera sen pretender que era un avance histórico. E así o chamado "descubrimiento de América" foi por facerlle un favor a aqueles pobres indios que descoñecían o progreso e houbo que levarlles a verdadeira relixión, a verdadeira lingua e, xa postos, o verdadeiro xenocidio e escravitude.

Esa linguaxe intelectualmente criminal actúa cada día. Hai pouco debatían en Madrid sobre un libro que trataba da "España vacía", e que ocultaba que esa España non estaba baleira por un azar senón que fora "vaciada" por un modelo de estado, por un poder destrutor e parasitario que absorbe todo para un burato no centro da meseta e deixa deserto ao seu redor.

Estes días dicían que debemos votar e alegrarnos por uns presupostos que nos discriman pero que son "progresistas". Para quen? E dicíannos que somos un país envellecido así que debemos conformarnos. E quen nos envelleceu o país? Que poder é o que leva décadas e séculos saqueando e desertizando o país? Que poder é o que nos somete?
Linguaxe do poder, linguaxe violenta e falsa.

Comentarios